Decaen os incendios, pero aumentan os factores de risco

Un estudo sinala que áreas cunha ocorrencia historicamente alta de incendios, como Galicia, Cataluña, Valencia e Andalucía, mostran unha tendencia negativa en número de focos e área queimada durante tres décadas. O traballo apunta ao aumento dos recursos aéreos para combater os lumes como claves no descenso de hectáreas calcinadas. O Goberno central di que xa hai 100 detidos, aínda que están moi lonxe do número de incendios provocados, máis dun milleiro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/09/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A actividade dos incendios forestais diminuíu nas últimas décadas en España no seu conxunto e na maioría das provincias. Con todo, os factores de risco de lume aumentaron. Así o conclúe un estudo asinado por investigadores do Departamento de Ciencias Ambientais da Universidad de Castilla-La Mancha e do Departamento de Xeoloxía, Xeografía e Medio Ambiente da Universidad de Alcalá de Henares.

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

En conxunto, o que atoparon os científicos é que os incendios forestais foron diminuíndo en número, área queimada, promedio e tamén no tamaño dos grandes lumes.

Observaron, ademais, que os incendios queiman máis frecuentemente áreas sen árbores que os bosques. E nas zonas arboradas, os bosques de piñeiros arden menos, mentres que os de carballos se queiman máis.

En canto aos recursos para combater os incendios, particularmente os aéreos, sinalan que aumentaron significativamente.

Pero ao mesmo tempo aumentaron os factores de risco, como o índice meteorolóxico de risco no verán, e as áreas boscosas e artificiais.

Con todo, os expertos salientan que “malia o aumento dos factores de risco de lume, os incendios forestais diminuíron en todo o Estado e na maioría das provincias durante os últimos 34 anos”.

Os investigadores analizaron datos do período 1980–2013. Nese período de 34 anos, os incendios afectaron unha gran parte de España, sendo máis abundantes no noroeste, a costa norte atlántica, as montañas centrais, as áreas occidentais preto de Portugal e a costa mediterránea.

CAMBIO DE TENDENCIA

A nivel provincial, o número de incendios ou a área queimada non mostraron tendencia en case a metade das provincias do Estado. Con todo, detectáronse algunhas tendencias negativas, particularmente en áreas cunha ocorrencia historicamente alta de incendios: Galicia, Cataluña, Valencia e Andalucía.

Pola contra, observáronse tendencias positivas, con máis lumes ou hectáreas queimadas en Asturias, Cantabria e Toledo.

O 80% das provincias mostraron tendencias negativas no tamaño dos lumes. Pero se se analizan só os datos de incendios de gran tamaño, o 47% das provincias presentaron tendencias negativas e o resto, particularmente aquelas con incendios historicamente altos, non mostraron tendencias.

Con respecto ao tipo de área queimada, algo máis da metade das provincias mostraron tendencias negativas en espazos arborados (57% das provincias) e a área queimada, porcentaxe que se reduce ao 44% nas non arboradas.

A proporción da área queimada sen árbores en relación coa área queimada con árbores mostrou tendencias positivas no 40% das provincias.

Respecto ás especies, non atoparon tendencias significativas para a maioría das máis inflamables, como o eucalipto, pero si nas especies de piñeiro, árbore que mostrou tendencias negativas.

No caso do carballo, aínda que a maioría das especies non mostraron tendencia nas áreas queimadas, dúas presentaron tendencias positivas, é dicir, víronse cada vez máis afectadas polos incendios: Quercus ilex (23% das provincias) e Quercus pyrenaica (15%), no norte e noroeste.

FACTORES DE RISCO E RECURSOS

Sobre o índice meteorolóxico de risco de incendio en verán, aumentou no 58% das provincias, particularmente no centro, leste e sur.

Tamén se constatou un aumento das áreas forestais e seminaturais no 75% das provincias, mentres que as áreas agrícolas diminuíron na maioría (82%), agás no suroeste, que mostrou unha tendencia oposta. E produciuse un incremento de áreas artificiais en todas as provincias.

Sobre os bosques e áreas seminaturais, as zonas arborizadas aumentaron na maioría das provincias (84%), mentres que a extensión xeral de arbustos e vexetación  herbácea diminuíu (67% das provincias).

Os bosques de frondosas aumentaron máis (no 84% das provincias) que os de coníferas e mixtos (aproximadamente o 50%).

Por último, con respecto aos recursos de extinción de incendios, os medios aéreos aumentaron claramente en todas as provincias, mentres que os terrestres aumentaron nun 40% delas.

En definitiva, os incendios forestais están a queimar áreas preferentemente sen árbores; as zonas de piñeiros quéimanse menos, mentres que os bosques de carballo, menos inflamables, arden máis, e a diminución da actividade de incendios pode xustificarse en gran medida polo aumento dos recursos de extinción de incendios, particularmente os aéreos, que mostraron tendencias positivas, segundo este estudo.

INVESTIGACIÓNS

Nesta loita contra os lumes tamén se incrementaron as detencións. Máis dun centenar de persoas foron detidas e investigadas por incendios forestais no que vai de ano por parte da Garda Civil e a Policía Nacional, segundo datos achegados pola Delegación do Goberno en Galicia tras a reunión celebrada neste organismo coa presenza do consellerio de Medio Rural, José González, para abordar a coordinación nesta materia entre ambas as administracións.

En relación á campaña deste verán, o delegado lembrou a participación dos medios estatais nos principais incendios do verán na Comunidade, "nos que os protocolos de coordinación funcionaron de forma moi satisfactoria". Para o delegado do Goberno, as actuacións levadas a cabo quedan "nos datos de persoas detidas e investigadas por incendios forestais, que son máis dun centenar no que vai de ano entre Garda Civil e Policía Nacional". 

Con todo, este número está moi lonxe do número de incendios que se teñen producido. O pasado ano foron 1.400 os lumes que houbo en toda Galicia, e no que vai de 2019 estimase que superan xa o milleiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta