O Goberno central non prevé "tensións de liquidez" da Xunta, como advirte o Executivo galego

Facenda esgrime na súa carta de resposta ao Executivo de Feijóo que o PP votou "non" aos orzamentos que permitían actualizar as entregas a conta

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2019 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O Goberno central non prevé "tensións de liquidez" da Xunta, segundo asegura na carta de contestación ao Executivo galego en relación co financiamento autonómico. Nunha misiva datada o 12 de setembro, á que tivo acceso Europa Press, a secretaria de Estado de Facenda, Inés María Bardón, indica que as entregas a conta —330 millóns dos 700 millóns da débeda que reclama a Xunta— "suporía unha liquidez adicional para a Comunidade en 2019", pero "de acordo coa información fornecida pola Comunidade a este Ministerio, actualmente non se advirte que prevexa afrontar tensións de liquidez".

Parte final da carta remitida por Facenda á Xunta sobre financiamento autonómico
Parte final da carta remitida por Facenda á Xunta sobre financiamento autonómico | Fonte: Europa Press

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, alertou este luns de que "o Goberno do señor Pedro Sánchez non ten intención de pagar os 700 millóns euros que lle debe a Galicia".

Valeriano Martínez denuncia que Facenda "recoñece dúas cousas moi graves: non quere pagar máis da metade da débeda que ten con Galicia (relativa ao desempeño fiscal e o IVE) e non sabe nin como nin cando pagará a outra metade (as entregas a conta)".

IMPOSIBILIDADE POR ESTAR EN FUNCIÓNS

Na carta, Facenda lembra á Xunta que a reclamación que realiza sobre as entregas a conta e a mensualidade pendente do IVE "se atopaban recollidas no proxecto de orzamentos" para este ano, "e que determinadas forzas, entre elas o Partido Popular, rexeitaron no Congreso dos Deputados o pasado mes de febreiro", o que deu lugar a unha prórroga orzamentaria "coas consecuencias prexudiciais para a cidadanía que se derivan de tal situación".

Por tal motivo, a secretaria de Estado de Facenda subliña que actualmente "teñen difícil articulación en situación de Goberno en funcións". Con todo, garante que "este Goberno está a traballar activamente no estudo de alternativas" no tocante ás entregas a conta.

Respecto dos 170 millóns que demanda a Xunta por cumprir cos parámetros de estabilidade orzamentaria en 2017 e 2018, o Executivo central lembra que se basea en dúas disposicións: unha delas "se constriñe ao ano 2015", "polo que non se pode esixir o seu cumprimento nestes momentos"; e a outra de 2018 "non obriga", "senón que unicamente posibilita ao Goberno a establecer uns incentivos para compensar a diminución de recursos". E aquí volve esgrimir que o feito de estar en funcións "non permite adoptar medidas desta natureza".

Ademais, tampouco ve factible a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que pide a Administración galega polo mesmo motivo. Finalmente, despídese Facenda coa "plena posibilidade" a "clarificar calquera dúbida" á Xunta. "Confío en que pronto podamos atopar unha solución a estas cuestións", termina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta