Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2019 | Actualizada ás 15:17
Os principais partidos da esquerda en Galicia foron moi críticos este luns tras coñecerse que o partido de Íñigo Errejón, Más Madrid, vaise presentar as eleccións xerais do 10N. Unha situación que pode provocar novas alianzas e colaboracións con partidos en Galicia como pode ser En Marea.
Un escenario que non gusta a PSdeG, Podemos, EU ou o BNG que criticaron duramente a Errejón, porque consideran que "divide á esquerda" e tamén ao partido que lidera Luís Villares, que dixo estar aberto a colaborar con Más Madrid nun acordo estatal con máis forzas, como Compromís. De feito, tanto Podemos como socialistas conincidiron en lembrar que nos pasados comicios non chegou ao 1 por cento dos votos.
Así, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou que a división do voto na esquerda, ante a posible irrupción do partido de Íñigo Ejerrón no panorama estatal, só serve para "darlle máis rifas a unha dereita" que "inclúe a Vox" na súa opción de Goberno.
Leiceaga pronunciouse deste despois de que o partido de Íñigo Errejón acordase presentarse ás eleccións xerais e na xornada no que o portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que ve posible unha "cooperación leal" en Galicia con esta nova formación.
Na súa intervención, o portavoz parlamentario do PSdeG asegurou que os datos das últimas eleccións sobre a incidencia electoral do partido de Villares "son extremadamente elocuentes". "Non sacou nin o 1% dos votos", lembrou para considerar que, "pretender, a partir de aí, converterse en opción de referencia, non ten moito sentido".
PODEMOS
Pola súa banda, a deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, membro da dirección de Podemos Galicia, dixo sobre unha posible candidatura en Galicia de Errejón "É unha forza distinta á nosa, alá cada un coas súas estratexias".
Preguntada sobre como podería influír unha eventual coalición de Más Madrid con En Marea, Chao asegurou que "non hai ningún dato" que faga pensar que os de Villares "poderían mellorar" o 1 por cento de apoios logrados en Galicia nos comicios do 28 de abril. "Igual neste caso Pacma, efectivamente, supéraos", lembrou.
Así mesmo, a deputada autonómica rexeitou opinar, como si fixo Villares, sobre se Carolina Bescansa é un bo activo político ou non. "Non estamos no mesmo partido, non vou ser eu quen xulgue aos candidatos doutras formacións", dixo, asumindo que a compostelá podería acudir nunha lista da iniciativa de Errejón.
BNG
Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que lle parecería "un auténtico disparate" que a formación Máis Madrid que encabeza Íñigo Errejón se presente en Galicia ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro.
"Se algo necesitamos é menos Madrid e máis Galicia", ironizou este luns a líder frontista nunha rolda de prensa no Parlamento galego, onde foi cuestionada sobre a posibilidade de que o taboleiro político galego some unha nova opción na á esquerda coa chegada do proxecto do exnúmero dous de Podemos.
"A política a nivel estatal está empantanada, nun canellón sen saída", apuntou Pontón que ve o sistema político do Estado "nunha crise profunda" froito da "incapacidade" dos partidos, á vez que alertou de que "o descrédito cara á política" que percibe na cidadanía "é un caldo de cultivo moi perigoso".
"Comparto o cabreo de moitos galegos que a incompetencia das forzas estatais", incidiu, antes de censurar a actitude de PSOE, Podemos, PP e Cs por "marear a perdiz" e "falar de relato" mentres "os problemas da cidadanía está ausente".
O PP DI QUE HAI MOITOS "PERSONALISMOS" NA POLÍTICA
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, sinalou, tras ser preguntado pola decisión tomada pola asemblea de máis Madrid --o partido que lidera Íñigo Errejón-- de concorrer ás eleccións do 10 de novembro, que é "unha nova mostra" de que "na política española hai demasiados personalismos e demasiada ausencia de compromiso".
En rolda de prensa, Puy apuntou que "a lealdade ao partido que un pertence" é "asumir que, ás veces, a opinión dun prevalece e outras veces non". Ao seu xuízo, "ser demócrata" é "asumir" tal precepto.
Por iso, contrapuxo que, actuacións como Errejón sinalan, con todo, que no espectro da "esquerda radical" hai "pouco compromiso e moito personalismo", o que, ao seu modo de ver, indica tamén pouca capacidade para poder xestionar o goberno dun país.
"En política hai que estar cun compromiso e iso significa certa lealdade, sen que ao primeiro de vez haxa que estar a constituír formacións alternativas porque un perde unha votación interna", defendeu, antes de concluír que, en todo caso, os asuntos internos son unha cuestión que compete en exclusiva a cada formación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.