Endesa acelera o peche da central térmica das Pontes

A empresa considera que non pode ser competitiva polas condicións de mercado. Os traballadores esixen a Goberno e Xunta unha reunión "urxente" coa compañía. O Goberno central convócaos para o próximo luns. A Xunta pide ao Goberno que dea "solucións reais" para os empregados.

Por Europa Press / Redacción | As Pontes | 27/09/2019 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Endesa decidiu acelerar o peche das seus centrais de carbón das Pontes (A Coruña) e Litoral (Almería), as dúas únicas do grupo 'salvadas' da obriga de ser clausuradas a mediados de 2020, empurrada polas actuais condicións de mercado, que levou a que estas plantas "non resulten competitivas", argúe.

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Galipedia

Nun feito relevante á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a enerxética indicou que o seu consello de administración aprobou "promover a descontinuidade da produción das súas centrais térmicas de carbón na Península, de conformidade cos trámites e procedementos legalmente establecidos, e avaliar opcións de futuro nos devanditos emprazamentos".

Así mesmo, Endesa sinalou que o valor neto contable, a data de hoxe, do conxunto de centrais térmicas de carbón peninsular ascende a uns 1.300 millóns de euros, incluíndo o importe estimado da provisión para o desmantelamento destas centrais, cifra máxima á que podería alcanzar a deterioración a rexistrar polo peche das plantas, aínda que subliñou que non terá impacto na súa política de dividendos.

A finais do ano pasado, o grupo dirixido por José Bogas xa presentou a solicitude formal de peche para as súas centrais de carbón de Compostilla (León) e Andorra (Teruel), tras decidir non abordar os investimentos necesarios para que estas plantas cumprisen cos novos límites de emisións establecidos pola Unión Europea que entrarán en vigor o 30 de xuño de 2020.

No seu plan estratéxico 2018-2021, Endesa xa deixou claro que non afrontaría estes investimentos para estas dúas plantas, aínda que si que incluía os investimentos necesarios para adaptar a central das Pontes a eses límites de emisións, do mesmo xeito que xa fixo na de Litoral.

Fontes de Endesa declinaron confirmar que esta decisión de parada das centrais polas condicións de mercado supoña anunciar o peche para elas. No entanto, está claro que se acelerará en bastantes anos o plan de descarbonización da enerxética respecto da 'folla de ruta' inicial, que non estimaba a clausura das Pontes e Litoral antes de 2030.

O cambio de escenario ao longo deste 2019, cunha profunda modificación nas condicións de mercado que afectan as centrais térmicas de carbón, derivado fundamentalmente da escalada nos prezos dos dereitos de CO2, que cotizan máis dun 50% máis caros que o exercicio pasado, así como dun abaratamento do prezo internacional das 'commodities', desprazaron a estas plantas, cun maior volume de emisións, en favor doutras tecnoloxías.

De feito, estes factores expulsaron practicamente do sistema ás centrais de carbón, cuxa produción se esborrallou no que vai de ano a niveis mínimos, en favor, principalmente, da produción con gas.

"Esta situación estrutural determinou que as centrais térmicas peninsulares de carbón non resulten competitivas, e por tanto o seu funcionamento non resulte previsible no mercado de xeración eléctrico no futuro", sinalou Endesa.

RESPOSTA DOS TRABALLADORES

O anuncio de Endesa colleu por sorpresa aos traballadores da central, que esixen ao Goberno e á Xunta unha reunión "urxente" con Endesa.

Alberte Amado, da CIG, lamentou esta "noticia negativa", polo que critica que esta mesa sobre o futuro da compañía non se producise con anterioridade para coñecer a folla de ruta da empresa.

Apunta que esta decisión de Endesa "supón un anuncio claro de que a aposta polo carbón a curto prazo non vai ser", pero "faltan cousas por concretar".

Neste sentido, reclama á compañía que "faga un anuncio claro de compromiso coa localidade" e que dea a coñecer "que alternativas vai dar" para que "o impacto se minimice".

Nesta liña, empraza a que o Goberno central e a Xunta actúen para garantir o emprego na comarca no ámbito da transición ecolóxica. Por todo iso, manteranse as mobilizacións dos traballadores e avaliarase que medidas tomar ante un "escenario máis preocupante a curto prazo".

MINISTERIO

En resposta á decisión da empresa e ás demandas dos traballadores, a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, convocou unha reunión para o vindeiro luns cos traballadores das centrais de carbón de Endesa nas Pontes e Litoral, os axentes locais e a empresa para coñecer a situación, valorar os posibles escenarios e estudar os pasos a seguir.

O departamento que dirixe Ribera trasladou que segue "con moita atención" esta decisión e que na reunión do próximo luns o Ministerio tentará coñecer a situación "de primeira man", co fin de estudar as actuacións necesarias.

XUNTA

A Xunta de Galicia instou ao Goberno central a que "reaccione de inmediato" e dea "solucións reais" para unha "transición enerxética xusta" e para as familias e os traballadores que "dependen" de Endesa.

"Desde a Xunta levamos meses solicitando unha transición enerxética xusta e ordenada para a nosa industria", apuntan fontes da Consellería de Economía, que lembran que, no caso das Pontes, o Goberno galego era "pesimista", unha "mala sensación que está motivada", afirman, por "a maneira de actuar dun Goberno socialista que toma decisións sen pensar nas consecuencias que teñen para Galicia" en termos de emprego e actividade económica.

Para a Xunta, o Goberno central "debe reaccionar de inmediato" ao anuncio de Endesa, "asumir a súa responsabilidade" e "tomar decisións", dado que "a súa transición enerxética non está a ser ordenada, máis ben todo o contrario", está a ser "abrupta", critican.

Así, a Administración galega reclamou ao Goberno que "concrete solucións reais ante a incerteza que están a sufrir as 750 familias que dependen de Endesa", entre traballadores directos, empresas auxiliares e transportistas.

BNG

Tamén o BNG urxiu ao Estado e a Xunta a que poñan en marcha un plan de futuro para As Pontes (ante a intención de Endesa dun peche "inminente" da central térmica.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, avisou de que "non pode ser que tras anos facéndose de ouro agora a empresa peche as portas sen dar unha alternativa".

"Se hoxe chegamos aquí desta maneira tan brusca é porque nin o Estado nin o Goberno da Xunta fixeron os deberes, a pesar de que sabían que esta situación se ía producir e miraron para outro lado", lamenta.

Nesta liña, lembra que Endesa se aproveitou dos recursos do municipio durante anos cuns "beneficios multimillonarios", polo que "non pode ser" que agora deixe "tirada" a toda a comarca.

Ademais, censura que no Debate do Estado da Autonomía celebrado esta semana no Parlamento o PP "vetou" a proposta do Bloque para a creación dunha mesa galega na que abordar o proceso de transición enerxética.

COMÚN DA ESQUERDA

O Grupo Común da Esquerda tamén demandou á Xunta que poña en marcha un plan de emprego con enerxías verdes para As Pontes. A portavoz do grupo, Luca Chao, manifestou a súa "preocupación" pola comarca, xa que, lembrou, esta decisión "depende da vontade dunha empresa".

Ante isto, indicou, o que "cabe esixirlle a un Goberno responsable" é que "traballe nun verdadeiro plan de emprego para a comarca, para asegurar que os traballadores de Endesa non queden na rúa polo peche da central".

"Chegamos tarde, e esperamos que a Xunta tome cartas no asunto de inmediato e traballe por unha mesa de diálogo con todos os axentes sociais e con todos os niveis de goberno, que busque solucións concretas para as persoas que traballan a día de hoxe na comarca", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nandiño