A Xunta defende a dragaxe no Lérez avalan e asegura que os seus lodos son "inocuos"

O PSdeG pide que se paralice a operación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, lembrou este luns no Parlamento que as análises realizadas aos áridos que se van a extraer na dragaxe do río Lérez son inocuos, "non posúen carga contaminante", polo que esta actuación "non ten ningún tipo de impacto desde o punto de vista ambiental".

Así o trasladou na comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, onde, en resposta á socialista Patricia Vilán, esgrimiu, ademais, que todo o proceso administrativo para executar este proxecto "cumpre estritamente" coas normativas vixentes, tanto estatais como internacionais, polo que conta "con todas as garantías".

Do mesmo xeito, lembrou que a decisión de dragar a ría de Pontevedra está ligada a unha petición do propio sector pesqueiro e marisqueiro, que necesita que se acometa esta actuación para poder desenvolver o seu labor con normalidade.

Os traballos suporán, incidiu, a retirada de áridos, "non lodos", tal e como "recoñece" o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica nunha resposta parlamentaria dada a un grupo da oposición. Tamén destacou que o punto de depósito dos áridos non conta cunha alternativa ao sur e a existente máis ao norte faría "inviable" a execución do proxecto.

Finalmente, sinalou que o tratamento dos áridos nunha planta en terra multiplicaría "de forma inxustificada" o seu custo "por dez" e obrigaría a transportar os áridos en máis de 11.000 camións polo centro de Pontevedra.

OS LODOS A SOGARISA

Pola súa banda, a parlamentaria socialista Patricia Vilán esixiu á Xunta que "paralice o depósito de lodos" do Lérez e do fondo da Ría de Pontevedra na Illa de Sálvora. Vilán lamentou que o Goberno galego "nunca contemple a posibilidade de levar os lodos á antiga Sogarisa, mentres o Lérez e a Ría de Pontevedra cegan".

Actividades de dragado na ría de Ferrol
Actividades de dragado na ría de Ferrol | Fonte: ADEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta