Temas: FRASEOLOXíA

“Ás cabaliñas”, “ó cabalete” ou “ás cabaleirolas”, equivalentes, entre outras, ao castelán “a caballito”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 06/10/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar a entender dun xeito xeral que unha persoa vai a cachapernas sobre o lombo ou o ombreiro doutra, así como tamén para indicar, cun significado xa máis específico, que alguén vai montado sobre do lombo doutra persoa coas pernas abertas de tal xeito que semirrodean a parte dos cadrís desta última, ó tempo que se agarra cos brazos á zona dos ombreiros da cabalgadura e que esta terma coas súas dúas mans daquel pola parte de abaixo das coxas, en castelán non é raro escoitar utilizar a locución a caballito ou al caballito. Na nosa lingua tamén dispomos de varias locucións que achegan ese mesmo significado, como imos comprobar a seguir:

A Asociación Amigos da Terra desprega un cabalo de Troya inflábel en Vigo para protestar contra o tratado TTIP
A Asociación Amigos da Terra desprega un cabalo de Troya inflábel en Vigo para protestar contra o tratado TTIP | Fonte: ilcanallarubens.wordpress.com

A caballo && A # Al caballito

{= 1. Montado a cachapernas sobre o lombo ou o ombreiro de alguén. 2. Montado alguén encol do lombo dunha persoa coas pernas abertas de tal xeito que rodean a zona dos cadrís desta, ó tempo que se agarra cos brazos á zona dos ombreiros da cabalgadura e que esta terma coas súas dúas mans daquel pola parte de abaixo das coxas.}

Ás cabaliñas

Ó cabalete

Ás cabaleirolas

Ex. (1): El padre subió a la pequeña al caballito para que pudiese ver mejor la actuación.

O pai subiu a pequecha ás cabaliñas ó cabalete ás cabaleirolas para que puidese ver mellor a actuación.

Ex. (2): El entrenador siempre nos mandaba hacer competición de carreras al caballito .

O adestrador sempre nos mandaba facer competición de carreiras ás cabaliñas ó cabalete ás cabaleirolas.

● Tamén:

A # Ó cabaliño && Ó san cabaliño && A # Ás cabaleirogas && A # Ás carramulas

● E inda tamén, basicamente para a segunda “acepción”:

A cabalicho && A # Ó cabaleiro

● Tamén, naqueles contextos en que alguén vai a cachapernas sobre dos ombreiros doutra persoa:

A requichas

● E mesmo tamén, en contextos, e basicamente na súa condición de locucións hiperónimas:

A cabalo && De a cabalo

NOTAS:

1. Cómpre ter en conta que para a primeira “acepción”, mais sen indicar necesariamente que a postura da persoa que vai encima ou montada sexa a de a cachapernas, en función dos contextos tamén se podería botar man das locucións que veremos nos vindeiros artigos, nos cales nos ocuparemos de secuencias lingüísticas galegas equivalentes ás castelás a cuestas ou a la espalda e mais a hombros.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Groba Bouza, Fernando: “A cabalo regalado non se lle mira o dente. Compilación da fraseoloxía equina galega actual”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 317-372. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Porto Rey, Francisco: Diccionario gallego-castellano. Publicado en 1900. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 RLF

En Toba (Cee, Costa da Morte) e na miña infancia hai 50 ou 60 anos: a recchico

1 joseant.pena

Ok. Non sei se te refires só á primeira “acepción” ou se abrangue tamén a segunda. Se cadra trátase dunha deturpación, por metátese (DRAG: “Cambio de lugar dun fonema, ou de varios, nunha palabra”, coma nos casos de “probe” por “pobre” ou de “nónima” por “nómina”) da locución “a requicho” (a requicho > a rechico), que vén a ser unha variante de “a requichas” e que tocaremos non no vindeiro artigo, senón no seguinte. Graciñas.