Denuncian que Ordes será unha "zona de experimentación" para os muíños eólicos máis altos do Estado

A piques de saíren a exposición pública os diferentes proxectos, a Rede Salvemos a comarca de Ordes pide unha oposición clara ante as intencións empresarias de colocar megamuíños de vento a 500 metros das casas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/10/2019 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

A Comarca de Ordes exponse á creación dun gran parque eólico preto das aldeas que a conforman. Fronte a estas intencións da empresa promotora Green Capital Power, a Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas reclama levar a cabo unha reunión de urxencia cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos de Ordes, formada por Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo, para abordar inminente saída a exposición pública de diferentes proxectos de parques eólicos e liñas de alta tensión na zona.

Pancarta en contra da implantación dos eólicos na comarca de Ordes
Pancarta en contra da implantación dos eólicos na comarca de Ordes | Fonte: Salvemos a comarca de Ordes

A Rede ve fundamental poder intercambiar canto antes impresións cos rexedores locais e coordinarse para levar a cabo unha firme oposición ás intencións empresariais de colocar megamuíños de vento e novas liñas de alta tensión de evacuación eléctrica que atravesarían a comarca. Neste sentido, a Rede reclama "responsabilidade" aos alcaldes e que se manteñan firmes na declaración institucional asinada o ano pasado que proclamaba a comarca libre de eólicos. Consideraban incompatibilidade a creación destes parques cos intereses socioeconómicos dunha comarca rural que está moi poboada e que é considerada pola Xunta de Galicia como de especial interese agrario e gandeiro.

A Rede afirma que a actitude que está a ter Green Capital Power, promotora do parque eólico de Solpor e dunha nova liña de evacuación na comarca, "non é de recibo". Tras as reunións mantidas en Mercurín e en Buscás hai varias semanas entre representantes da empresa promotora e a veciñanza das zonas afectadas, a Rede ve con "moita preocupación" que se pretenda "converter a comarca de Ordes en zona de experimentación de toda España sen ningún tipo de garantías para a saúde nin para o medio e o futuro da xente que vive no rural".

MUÍÑOS CUNHA ALTURA SEN PRECEDENTES

A propia empresa anunciou que pretende instalar muíños de vento de 200 metros de altura a 500 metros das casas, unhas dimensións das que non hai precedentes en todo o Estado ata o momento. A Rede alerta de que chegarían a medir o triplo do que a catedral de Santiago (de 75 metros de altura). "Ter máquinas de semellante tamaño en zonas poboadas e que viven da agricultura e da gandeiría, próximas ao Camiño de Santiago e a zonas de importancia arqueolóxica e cun alto valor paisaxístico e económico, produciría uns danos irreparables que afectarían tamén á saúde das persoas e ao medio, ademais de degradar o valor do solo para sempre", sentenzan dende a Rede.

O colectivo deixa claro que non se opón á enerxía eólica, pero si "a que se coloquen muíños en zonas non axeitadas para iso". Deste xeito, reclaman tanto ás empresas como á Xunta de Galicia e ás corporacións municipais "sentidiño" á hora de levar a cabo a transición enerxética e unha ordenación do territorio responsable. A inminente saída a exposición pública tamén do parque eólico de Gasalla e do Monte Inxerio, a sumar o de Solpor, convertiría a comarca de Ordes -alertan- nun "territorio de sacrificio".

Dende o colectivo comentan que a preocupación veciñal é palpable en toda a zona. De feito,  nestas últimas semanas foron aparecendo xa as primeiras pancartas que amosan a oposición aos eólicos nos diferentes lugares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta