Allariz aumenta a distribución de composteiros

Na súa aposta por fomentar a xestión responsable de residuos, a Área de Medio Ambiente do concello repartirá 50 novos composteiros de 300 litros entre as persoas residentes.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 26/04/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Programa RE, impulsado dende a concellería de Medio Ambiente do Concello de Allariz para promover prácticas sostibles e fomentar a xestión responsable dos residuos, inclúe estas semanas a distribución de 50 novos composteiros de 300 litros para a veciñanza.

Composteiro nunha finca de Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Composteiro nunha finca de Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Estes composteiros, cunha capacidade óptima para facilitar a descomposición dos residuos orgánicos, entréganse como parte da iniciativa integral para reducir a pegada ambiental e promover a economía circular na comunidade.

A compostaxe doméstica non só contribúe á redución dos residuos enviados a vertedoiros, senón que tamén xera un valioso recurso en forma de compost orgánico moi útil para fertilizar solos e promover a saúde de xardíns e cultivos locais. O composteiro, débese situar nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.

PARA SOLICITAR COMPOSTEIROS

É importante destacar que para participar no programa e solicitar un destes composteiros, as persoas interesadas deben enviar un correo electrónico a medioambiente@allariz.gal. Ademais, é necesario contar cunha parcela no Concello de Allariz na que colocar o composteiro para poder acceder a un.

Dende o Concello de Allariz instase aos beneficiarios destes composteiros a aproveitar ao máximo esta oportunidade e participar activamente no proceso de compostaxe, contribuíndo así á construción dun entorno máis limpo, saudable e sostible para as xeracións futuras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta