Que prezo paga un incendiario cachado? É suficiente a condena para rematar co problema?

En Galicia, cada chama ten unha historia: intereses económicos, vinganzas persoais ou trastornos mentais detrás dun verán que xa arrasou milleiros de hectáreas en Ourense e máis alá. Esta reportaxe afonda nas leis, as penas e os perfís de quen converten o monte nun campo de batalla.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/09/2025 | Actualizada ás 22:14

Comparte esta noticia

En Galicia, o lume non sempre é obra do azar, nin da chispa fortuíta que acende a sequía. Cada verán, o monte arde, e detrás de moitas desas columnas de fume hai unha man humana. Ás veces, a motivación é económica; outras, o resultado dun conflito veciñal ou dunha queima mal controlada. E nalgúns casos, a orixe está nun trastorno mental: a figura do pirómano, moi distinta do incendiario común, pero igual de perigosa para o territorio. O Código Penal español é claro: provocar un incendio forestal pode acarrear penas de prisión que van dende os 1 ata os 20 anos nos supostos máis graves, ademais de multas que se contan por miles de euros e cuantiosas indemnizacións polos danos medioambientais causados. O verán de 2025 non é unha excepción.

Unha persoa observa o lume, a 5 de agosto de 2025, en Ponteceso. Un novo incendio no municipio coruñés de Ponteceso obrigou este martes a desaloxar a veciños da parroquia de Corme-Aldea
Unha persoa observa o lume, a 5 de agosto de 2025, en Ponteceso. Un novo incendio no municipio coruñés de Ponteceso obrigou este martes a desaloxar a veciños da parroquia de Corme-Aldea | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo

Este agosto, Galicia está sufrindo algúns dos incendios máis devastadores da última década: Chandrexa de Queixa, con máis de 3.500 hectáreas arrasadas; ou Maceda, onde o lume devorou xa unhas 1.700 hectáreas. E todo apunta á intencionalidade duns lumes que se cebaron con Ourense, unha provincia especialmente castigada polo lume. Non é a primeira vez que a xustiza se enfronta a quen prenden lume ao monte. Nos últimos anos, Galicia viu como algúns destes responsables de lumes se sentaban no banco e eran condenados a penas de cárcere e multas. Agora ben... Son suficientes as súas condenas para evitar que se reproduzan novos episodios no futuro?

Máis aló de cifras e sentenzas, a intencionalidade converte cada incendio nun delito que non só destrúe monte, casas e economías rurais, senón que ameaza vidas humanas e un patrimonio natural único. Entender que move a un incendiario, e diferencialo dun pirómano, é clave para comprender a dimensión do problema e para aplicar unha xustiza que sexa tanto punitiva como preventiva. Esta reportaxe explora as leis, as penas e os perfís de quen converten o verán galego nun inferno de chamas. En España, os incendios provocados están regulados con precisión no Código Penal, que contempla diversas figuras segundo a gravidade, o tipo de terreo afectado e se hai risco para persoas. Por aquí, un resumo claro:

  • Incendio con perigo para a vida ou integridade física (Art. 351 CP)
    • Prisión: de 10 a 20 anos
    • Multa: de 12 a 24 meses
  • Incendio forestal sen risco persoal (Art. 352 CP)
    • Prisión: de 1 a 5 anos
    • Multa: de 12 a 18 meses
    • Agravado se afecta a espazos protexidos, moita superficie ou ten fins lucrativos: de 3 a 6 anos e multa de 18 a 24 meses
  • Incendio que non chega a propagarse (Art. 354 CP)
    • Prisión: de 6 meses a 1 ano
    • Multa: de 6 a 12 meses
  • Incendio que afecta a zonas de vexetación non forestal (Art. 356 CP)
    • Prisión: de 6 meses a 2 anos
    • Multa: de 6 a 24 meses
  • Incendio que afecta a bens propios con ánimo ilícito (Art. 357 CP)
    • Prisión: de 1 a 4 anos
  • Incendio por imprudencia grave (Art. 358 CP)
    • Prisión: ata 5 anos
    • Multa: de ata 18 meses segundo o contexto

Ademais, tamén existen sancións administrativas complementarias:

  • Multas diarias: entre 10 e 100 euros, segundo a capacidade económica do imputado
  • Prohibición de cambiar a calificación do solo: por ata 30 anos
  • Responsabilidade civil e indemnizacións: por danos a persoas, bens ou natureza

GALICIA: PREVENCIÓN, SANCIÓNS AUTONÓMICAS E COLABORACIÓN CIDADÁ

Gandeiro propietario de algo máis de cen vacas en Teixeira, tenta sufocar o lume nun dos refuxios dos animais, a 10 de agosto de 2025, en Maceda
Gandeiro propietario de algo máis de cen vacas en Teixeira, tenta sufocar o lume nun dos refuxios dos animais, a 10 de agosto de 2025, en Maceda | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

En Galicia, a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais, establece un modelo normativo integral:

  • Fomenta a xestión de biomasa, infraestruturas, vixilancia, sensibilización e participación cidadá para frear lumes.
  • Permite á Xunta actuar directamente en caso de risco inminente, mesmo en fincas privadas, habilitando medidas urxentes como cortalumes ou queima controlada.
  • A vixilancia móbil contribúe a disuadir incendios intencionados e facilitar a identificación dos seus autores.

Con todo, a persecución penal continúa sendo competencia do Código Penal, aínda que a coordinación autonómica e local é clave. Os plans de prevención e defensa en cada nivel --galego, distrital e municipal-- tamén fortalecen a resposta.

PIRÓMANO NON É O MESMO QUE INCENDIARIO, NIN VICEVERSA

O pirómano e o incendiario son figuras diferentes, aínda que a miúdo se confundan:

  • Pirómano: é un trastorno de control de impulsos, recoñecido no DSM-5, onde existe unha atracción irresistible polo lume, alivio emocional despois de provocalo e pouca conciencia dos seus efectos. Actúa de forma desorganizada, case sempre en solitario --a miúdo sen remordementos de conciencia--. Para tratalo, predomina a terapia cognitivo-condutural, para traballar control de impulsos e regulación emocional, xunto con psicofármacos --estabilizadores do ánimo, antipsicóticos-- nalgúns casos. O tratamento adoita ser xuridicamente dirixido, xa que os pirómanos rara vez buscan axuda voluntariamente.
  • Incendiario: actúa con intención, motivado por intereses económicos, políticos ou persoais --como especulación, subvencións ou desprazamentos-- máis que por fascinación polo lume. Os lumes que provoca son organizados e con fins claros.

QUE LUMES DO QUE VAI DE VERÁN PUIDERON SER PROVOCADOS?

  • O incendio de Chandrexa de Queixa presenta sospeitas fundadas de orixe provocada, debido á simultaneidade de varios focos en zonas próximas. O alcalde da localidade, Francisco Rodríguez, asegurou "non ter dúbidas" da intencionalidade dun lume que xa arrasou máis de 3.500 hectáreas --hai fontes que xa apuntan a que poderían ser máis de 4.500 as hectáreas calcinadas polas chamas--, máis que toda a superficie queimada na comunidade en 2024. Lembrou que apareceron catro focos nun día de ceo azul despexado e sen treboadas nin causas naturais evidentes.
  • Outro lume con posibles trazas de intencionalidade é o de Maceda, que leva arrasadas unhas 1.700 hectáreas. A Consellería de Medio Rural apuntou a "unha clara intencionalidade" nel, porque o lume iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos. "Pola horas e por como se iniciou, todo apunta e iso", dixo tamén a alcaldesa da localidade, Uxía Oviedo, que di que aínda queda unha investigación pendente e que o asunto "se esclareza". Este lume obrigou a decretar a Situación 2 de alerta pola proximidade do lume ao núcleo poboacional da Teixeira e teríase iniciado no monte de Santa Baia de Castro de Escuadro.
  • Tamén o incendio que a pasada semana desatou a alarma na parroquia de Corme-Aldea, en Ponteceso, tivo unha clara intencionalidade por como se xestou. A Xunta sostivo que o lume foi "intencionado" ao declararse en catro focos por enriba de Guxín simultaneamente e nunha xornada con fortes ventos do nordés. Finalmente, arrasou un total de 76,11 hectáreas de monte.

PRECEDENTES DE INCENDIARIOS CACHADOS E CONDENAS

  • Incendio en Figueiras (Santiago) - sentenza de 2016: un home foi condenado a 2 anos e 2 meses de prisión, multa de 2.340 euros e indemnización de 1.800 euros á Xunta. O condenado prendeu lume de maneira intencionada na parroquia de Figueiras e xa provocara outros incendios semellantes na zona. Dende o seu ingreso en prisión, non volveron rexistrarse máis lumes na parroquia.
  • Incendio en Palmeira (Ribeira) - agosto de 2013: un home foi condenado a 4 anos de prisión, multa de 16 meses e máis de 160.000 euros en indemnizacións (85.203 euros por extinción e 79.062 euros por danos de madeira). O lume afectou a unhas 180 hectáreas (128,8 de arborado). A sentenza foi ratificada polo Tribunal Supremo, que valorou como agravantes a extensión do lume, mobilización masiva de recursos e máis de dous días de traballo continuado.
  • Incendios en Ortigueira - agosto de 2020: un home recoñeceu ter provocado dous lumes en zona protexida e aceptou unha condena de 2 anos de cárcere máis multa de 960 euros. Tería queimado varias zonas en espazo protexido (Brandariz e Casal). A pena quedou reducida pola aplicación de atenuantes psiquiátricos e confesión.
  • Incendios en Verín - sentenza de 2025: unha muller aceptou 3 anos de prisión e deberá pagar máis dun millón de euros en indemnizacións polos lumes forestais que provocou en agosto de 2022, que arrasaron preto de 1.000 hectáreas. A Fiscalía tivo en conta como atenuante que a acusada padecía un trastorno límite da personalidade e alcolismo crónico. Tamén se lle impuxo unha multa de 2 euros ao día durante 18 meses para completar a condena.

Miradoiro de Chandrexa de Queixa con randeeira e vistas cara ao Macizo Central galego, a 11 de agosto de 2025, en Chandrexa de Queixa
Miradoiro de Chandrexa de Queixa con randeeira e vistas cara ao Macizo Central galego, a 11 de agosto de 2025, en Chandrexa de Queixa | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta