Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 12/08/2025 | Actualizada ás 08:00
Galicia é a terra do verde intenso, pero tamén do azul das rías que se abren ao mar e dos regatos que percorren os montes coma veas dun corpo vivo. A nosa identidade, cultura e forma de vida están intimamente vencelladas á auga, que tamén consolida á nosa Comunidade como un refuxio climático. Pero este recurso, que aquí adoita abondar, tamén require coidado, planificación e responsabilidade. Por iso, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, desenvolve un traballo constante para garantir a calidade e dispoñibilidade da auga en todo o territorio, mesmo nos momentos de maior presión, como o verán. Pois non hai que esquecer que nos atopamos nun escenario de cambio climático que implica grandes retos. O máis importante: a preservación e potenciación da nosa auga como símbolo dunha riqueza incomparable.
UN CONTEXTO QUE OBRIGA A ESTAR PREPARADOS
En época estival, as necesidades hídricas increméntanse notablemente debido ao aumento da poboación nos destinos turísticos e á diminución das precipitacións. A resposta da Xunta de Galicia ante este escenario baséase na prevención e na capacidade de resposta, grazas á planificación estratéxica que se aplica na demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Esta esténdese ao longo de 12.990 quilómetros cadrados e goza de 14.700 quilómetros de rede fluvial. Ademais, soporta unhas precipitacións de 1.472 milímetros ao ao --un valor moi elevado en relación co resto da Península--.
Esta demarcación, que abrangue máis da metade da poboación galega (con 2.070.645 habitantes distribuídos en 182 concellos), conta cun Plan de Seca actualizado para o período 2021-2027. Trátase dunha ferramenta esencial para a planificación e xestión da escaseza de auga. O plan permite adaptar as medidas en función das características e necesidades de cada zona, garantindo unha resposta eficaz e temperá ante posibles episodios de seca ou escaseza. Este documento tamén inclúe un sistema de indicadores que facilita a detección anticipada de situacións de seca, o que permite tomar decisións de forma áxil e coordinada cos diferentes axentes implicados: MeteoGalicia, Protección Civil, concellos e administracións responsables dos sistemas de abastecemento.
ENTENDER A DIFERENZA: SECA PROLONGADA VS. ESCASEZA CONXUNTURAL
Cómpre distinguir entre dous fenómenos que non sempre coinciden no tempo: a seca prolongada e a escaseza conxuntural. A seca prolongada prodúcese cando as precipitacións están por debaixo da media durante un tempo prolongado. A escaseza conxuntural, pola súa banda, refírese á insuficiencia temporal de recursos hídricos dispoñibles para atender a demanda, especialmente en zonas con gran afluencia estacional de poboación, como as de turismo.
A planificación hidráulica debe ter en conta estas dúas dimensións para garantir o abastecemento, especialmente en núcleos pequenos con poucos recursos ou alta dependencia de fontes concretas. Para iso, Galicia conta con ese plan especial para actuar en situacións de seca, que contempla a súa aplicación por zonas e por fases. As medidas inclúen desde campañas de concienciación ata a limitación de certos usos, e sempre se aplican de forma proporcional ao grao de risco.
A CLAVE ESTÁ NO USO RESPONSABLE DA AUGA
A pesar da boa situación xeral da comunidade e da planificación existente, desde Augas de Galicia insístese na necesidade de facer un uso racional do recurso hídrico, en especial no verán, mediante campañas de sensibilización que lembren que a auga é finita. O aforro des ben tan prezado é unha responsabilidade compartida, que require o compromiso de toda a sociedade: cidadanía, administracións, empresas e sector agrícola.
No fogar, os xestos sinxelos poden marcar unha gran diferenza. Algunhas recomendacións prácticas inclúen:
No exterior da vivenda, no ámbito do xardín e da agricultura, tamén se pode aforrar auga:
No ámbito industrial e agrícola, cómpre actuar con planificación e eficiencia:
GALICIA, UN EXEMPLO... PERO SEN BAIXAR A GARDA
Galicia é unha comunidade cunha gran riqueza hídrica, pero iso non debe levarnos á autocompracencia. A prevención, a planificación e a colaboración entre administracións e cidadanía son fundamentais para garantir que a auga siga fluíndo con calidade e en cantidade suficiente, tamén nos períodos máis secos do ano. Desde a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, trabállase a diario para protexer este ben tan prezado. Pero a suma de pequenas accións individuais tamén conta. Porque cada pinga que se aforra, conta. Porque coidar da auga é coidar do noso futuro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.