Serviron de algo as queimas controladas realizadas pola Xunta en primavera nas serras de Queixa e San Mamede?

O Macizo Central ourensán, un dos enclaves de maior valor ecolóxico de Galicia, vive unha traxedia repetida ano tras ano: milleiros de hectáreas arrasadas, concellos enteiros sinalados pola reincidencia dos lumes, prácticas preventivas cuestionadas e un abandono estrutural que converte a biodiversidade en cinza mentres as políticas públicas seguen sen frear unha devastación anunciada.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 12/08/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nos últimos días, a Serra de San Mamede e a Serra de Queixa, dous dos enclaves de maior valor ecolóxico do Macizo Central ourensán, están sendo pasto das chamas. Este territorio é un dos espazos nos que máis se constata a repetición de lumes en determinadas parroquias e concellos galegos. Viana do Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Laza, O Bolo, Pobra de Trives, Montederramo, Larouco e Petín son os nomes dos municipios ourensáns que, ano tras ano, seguen sometidos a incendios de grande intensidade.

Queimas controladas realizadas pola Xunta na primavera de 2025 no Macizo Central ourensán
Queimas controladas realizadas pola Xunta na primavera de 2025 no Macizo Central ourensán | Fonte: Cedida

Tal e como recolle un traballo de fin de grao realizado por Fernando Rodríguez Jiménez, graduado en Enxeñaría Forestal pola Universidade de Vigo (UVigo), entre 2001 e 2015 os lumes arrasaron en Viana do Bolo 8.123 hectáreas; en Manzaneda, 10.438; en Chandrexa de Queixa, 5.840; en Vilariño de Conso, 4.868; en Laza, 6.382; no Bolo, 1.050; na Pobra de Trives, 519; en Montederramo, 335; en Larouco, 171; e en Petín, 13 hectáreas. En total, foron 2.286 os lumes rexistrados en 15 anos nestas serras. A estas cifras habería que sumar a superficie arrasada actualmente, así como a que se levaron por diante os grandes lumes dos anos 2017 e 2022 --neste ano quedou arrasada boa parte dos montes do Invernadoiro e a Serra de Fial das Corzas--.

Rodríguez tamén resalta un grupo de parroquias 'críticas' que acumularon entre 2001 e 2015 un maior número de lumes e unha superficie queimada máis importante: Cernado, Cesuris, Paradela, Placín, San Miguel de Bidueira, Soutipedre e Requeixo-San Bartolomeu, no concello de Manzaneda; Queixa e Requeixo-Santa María Madalena, no concello de Chandrexa de Queixa; Camba, no concello de Laza; Sabuguido e San Mamede de Hedrada, en Vilariño de Conso; e Grixoa, en Viana do Bolo. Tan só en Cernedo arderon máis de 4.000 hectáreas en 26 incendios, e en Camba a superficie arrasada superou as 3.000 hectáreas en 63 lumes. Sen embargo, non todas elas aparecen hoxe recollidas no Pladiga como parroquias de alta actividade incendiaria (PAI).

DOS LUMES CONTROLADOS POLOS CARBOEIROS NOS 60 Á VIRULENCIA ACTUAL

Neste contexto, para moitos veciños, as chamas evocan agora aqueles 'lumes controlados' dos anos 60: fogueiras que só queimaban pequenos montículos de raíces de 'torgos' (breixos) para producir carbón vexetal, unha práctica tradicional que axudaba a preparar a terra sen comprometer os ecosistemas. Aquel emprego ancestral do lume, coidadosamente xestionado, contrapón brutalmente coa devastación que vive hoxe a serra. E é que hai que ter en conta tamen que hoxe en día xa non quedan carboeiros, só uns poucos habitantes destes lugares que aínda lembran este oficio, xa de idade moi avanzada. Agora, sen eles, que aínda sen sabelo participaban nun labor preventivo, o lume calcina cada ano a serra.

Queimas controladas realizadas pola Xunta na primavera de 2025 no Macizo Central ourensán
Queimas controladas realizadas pola Xunta na primavera de 2025 no Macizo Central ourensán | Fonte: Cedida

Este mesmo ano, o operativo de prevención de incendios forestais da Xunta de Galicia realizou queimas controladas en primavera nesas mesmas montañas, con medidas planificadas e medios técnicos despregados dende a Consellería de Medio Rural. Sen embargo, dende colectivos locais criticouse que esas queimas ignoraron a orientación do terreo, o risco de erosión e a tempada crítica de apareamento da fauna. Tamén se afeou ao Goberno galego que invitase á UME (Unidade Militar de Emerxencias) a estas prácticas con 'lume real', por considerar que se estaba "facendo ostentación da queima de ecosistemas de gran valor". Ante a virulencia dos incendios actuais, a pregunta que inevitablemente se pasa pola cabeza é: serviron de algo estas queimas?

MÁIS DE 3.000 HECTÁREAS QUE SUPERAN A SUMA DE TODOS OS OUTROS LUMES

Volvendo ao presente, esa mesma paisaxe amosa unha faciana moi distinta á de hai 80 anos. Só no incendio de Chandrexa de Queixa, o máis grave de Galicia no que vai de 2025, xa se arrasaron máis de 3.000 hectáreas. En total, os lumes no Macizo Central ourensán calcinaron máis hectáreas que a suma de todos os outros lumes declarados en Galicia este verán, con varias frontes: Chandrexa de Queixa, Maceda, Vilariño de Conso e Montederramo. Xa en anos anteriores, Adega-Monterrei publicara un artigo titulado 'Arde sobre ardido', no que destacaba que "non queremos volver ver o Macizo Central, o Xurés e outras zonas converterse en páramos debido aos incendios reiterados; o rural precisa e esixe políticas de altura que este goberno da Xunta non pode ou non quere poñer en marcha".

Aquel lume doméstico e reducido de xeracións anteriores que xa non están entre nós, e que servía para traballar a terra sen comprometer a súa riqueza, contrasta con estes lumes actuais --de órdago e sen control-- que están arrasando milleiros de metros cadrados e poñendo en xaque a biodiversidade e o solo local. Ese cambio radical non só é ecolóxico, senón tamén simbólico: o tradicional e útil deu paso ao destrutivo e sistémico. Dos 'carboeiros' aos macroincendios (a maioría deles provocados) que hoxe arrasan todo un territorio.

Queimas controladas realizadas pola Xunta na primavera de 2025 no Macizo Central ourensán
Queimas controladas realizadas pola Xunta na primavera de 2025 no Macizo Central ourensán | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta