Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/08/2025 | Actualizada ás 22:00
O vento levanta po de cinza e o chan renxe como vidro baixo as botas. Onde antes había sombra fresca e o murmurio de follas, agora exténdese unha paisaxe espida, sen refuxio para a vista nin para a vida. Os troncos, ennegrecidos e ocos, álzanse coma esqueletes que sinalan un ceo máis grande do habitual, sen o filtros das copas. O ar aínda cheira a fume vello, a madeira convertida en po. O silencio non é de calma, senón de ausencia: non hai zunido de insectos, non hai chíos, non hai movemento agás o dalgunha cinza que se despega e flota coma se dubidara onde caer. Camiñar por este lugar é como percorrer unha fotografía en branco e negro que alguén deixou esquecida na metade do monte.
A cada paso, a memoria lembra como era o lugar antes --a herba alta, os camiños agochados, as floras que asomaban entre fieitos...-- e esa lembranza contrata co presente ata resultar incómoda. O incendio non só arrasou árbores: levou tamén un ecosistema enteiro, un entramado de relacións invisibles que sostiñan a vida deste espazo. E o que queda, agora, vendo máis de 2.000 hectáreas arrasadas en días, é a pregunta inevitable: canto tempo tardarán os nosos montes, eses que levan xa dúas semanas en chamas, en volver a ser o que eran antes do lume? Canto tardarán en recuperar a súa característica cor verde?
Así queda o monte despois dun incendio forestal | Fonte: GCVer esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
QUE LLE PASA A UN SOLO CANDO ARDE?
Un incendio intenso como os que estes días azoutaron Galicia consume a materia orgánica que facía de 'esponxa' e almacén de nutrientes --nitróxeno, fósforo, potasio, calcio...--. Ao desaparecer esa capa, ráchanse agregados do solo e redúcese a súa porosidade. Ademais, moitas ladeiras galegas desenvolven repelencia á auga (hidrofobicidade): unha película hidrófoba que fai que a choiva esvare no canto de infiltrar, disparando a escorrentía e a erosión. Ese 'teflón' temporal do solo ten consecuencias prácticas: as primeiras choivas fortes son sinónimo de perda da capa fértil, de colmatación de regatos e de arrastre de cinzas. En parcelas galegas monitoradas rexistráronse perdas de ata 31,6 toneladas de solo por hectárea. E tamén sofre a vida invisible. Fungos micorrícicos e bacterias --os 'socios' nutricionais das plantas-- caen en picado cando o lume consome o horizonte orgánico. A resposta hidrolóxica do sistema --que se infiltra, que corre ladeira abaixo...-- pasa a depender da severidade do lume.
COMO AFECTA UN INCENDIO Á FLORA?
En Galicia, a primeira cortina que aparece tras o incendio, fórmana plantas pioneiras duras: fieitos (Pteridium), toxos (Ulex), carqueixas (Genista) e gramíneas. Fixan o terreo, amortiguan o golpe da choiva e devolven materia orgánica ao chan. En cuestión de meses poden tapizar manchas enteiras se as choivas acompañan e a auga das pendentes non o levou todo. En boques autóctonos, os carballos (Quercus) e castiñeiros (Castanea sativa) rebrotan de cepa ou raíz se o lume non foi moi extremo e se non se repite en moi curto periodo de tempo: a resiliencia desplómase cando o réxime é de incendios recorrentes. Con pinos (Pinus pinaster) e eucaliptos (Eucalyptus), o almanaque muda: o piñeiro resementa se houbo conos viables; o eucalipto adoita rebrotar de cepa, de maneira moi rápida, o que verdea a paisaxe temperá pero non sempre reconstrúe a biodiversidade perdida.
COMO AFECTA O LUME Á FAUNA?
Pola súa banda, a fauna resposta en ondadas. Primeiro chegan insectos oportunistas e aves insectívoras de espazos abertos; coas matogueiras aparecen pequenos mamíferos --ratóns, coellos...-- e tras eles raposos e aves rapaces. O problema é a caída de alimento e refuxio inmediatamente posterior ao lume: sen cuberta e con solos duros, moitos invertebrados desaparecen e os anfibios e réptiles quedan expostos. A recuperación do mosaico de hábitats --claros, matogueiras, arborado novo e maduro...-- é a que permitirá, anos despois, que volvan gremios máis esixentes.
TEMPOS DE RECUPERACIÓN: CANTO TARDA A VOLTA Á NORMALIDADE?
- Solo (infiltración e repelencia): de semanas a meses para que a hidrofobicidade baixe e de 1 a 3 anos para recuperar boa parte da estrutura se non hai erosión forte e hai cobertura vexetal. Moito máis se a primeira tempada de choivas é cedo.
- Cobertura de matogueiras e fieitos: de 3 a 18 meses en ladeiras con humidade suficiente e sen perda severa de solo.
- Piñeiral e eucaliptal produtivo: de 3 a 7 anos ata que o dosel peche visualmente --máis rápido se se trata dunha zona de eucalipto polo rebrote-- e de 10 a 20 anos para ter unha estrutura arbórea funcional simple.
- Frondosas autóctonas como carballos e castiñeiros: de 10 a 30 anos para masa nova estable a partir de rebrote e plantación e máis de 40 anos para lograr un aspecto maduro e funcións ecolóxicas complexas.
- Fauna: meses para os oportunistas; de 2 a 5 anos para comunidades de matogueira; e máis de 10 anos para aves forestais esixentes e micromamíferos de bosque denso --se se recupera a arboreda autóctona--.
QUE FACER E QUE EVITAR FACER TRAS UN INCENDIO?
- Protexer o solo os primeiros meses: Prioridade absoluta en ladeiras con cinza solta e conexión a cursos de auga: mulching de palla ou achas e diques de retención puntuais. Son medidas baratas e con eficacia demostrada en Galicia para frear perdas masivas de solo.
- Avaliar a severidade e a conectividade: Non todo o perímetro precisa o mesmo. As actuacións deben concentrarse en manchas de alta severidade e corredores cara regatos e pistas onde a auga baixa con velocidade.
- Conter a proliferación de especies invasoras: Tras un lume, acacias e outras especies invasoras poden colonizar rápido, alterando o réxime de incendios e pechando a ventá para autóctonas. Vixilancia e arranque temperá son claves.
- Restaurar con especies autóctonas e abrir mosaicos: Plantacións mixtas e discontinuas --carballos, castiñeiros, salgueiros...-- melloran a biodiversidade, a resistencia ao lume e o retorno da fauna. As repoboacións rápidas cunha soa especie devolven o 'verde' á foto, pero non necesariamente a funcionalidade do ecosistema.
POR QUE SE QUEIMAN OS NOSOS MONTES?
O Noroeste combina clima atlántico, orografía abrupta, continuidade de combustible e un modelo de propiedade minifundista que complica a xestión. Ademais, os patróns sociolóxicos do lume en Galicia --cunha alta proporción de incendios intencionados-- foron sinalados polos investigadores dende hai anos. No debate de especies, os datos non son brancos ou negros: piñeiros e eucaliptos non necesariamente arden máis que o seu peso na paisaxe cando se mira a estatística; pero nun grande incendio o seu comportamento --aceites, carga de combustible, proxección de pavesas...-- pode multiplicar a propagación, e a súa expansión homoxeneiza o monte, con efectos sobre a fauna e a flora. A conclusión práctica é de xestión: menos continuidade, máis mosaico, máis especies autóctonas e menos abandono.
Así queda o monte despois dun incendio forestal | Fonte: GC¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- (Galería) Detrás das chamas: como se rompe (e se recompón) un monte galego
- Como é o incendio forestal tipo en Galicia?
- Os incendios de Maceda e Chandrexa de Queixa seguen avanzando sen control: 300 e 800 hectáreas arrasadas
- Unha ruta polos terreos onde se instalará a mina de Doade reivindicará este domingo a fauna e flora ameazada
- (Mapa) Parroquias de alta actividade incendiaria en Galicia: un desafío persistente para o territorio
- O incendio de Chandrexa de Queixa avanza ata as 700 hectáreas