Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/09/2025 | Actualizada ás 22:00
As bandeiras vermellas que prohiben o baño multiplicáronse nas praias galegas neste comezo do mes de setembro. O motivo? A presenza de exemplares de carabelas portuguesas (Physalia physalis) nas augas ou nos areais, cando, tradicionalmente, a tempada de avistamentos desta especie xa tería que ter quedado atrás. Este ano, con todo, a súa chegada atrasouse: apareceron moi poucas na primavera e nos meses centrais do verán e a maioría están chegando concentradas neste comezo de setembro, coincidindo tamén coa chegada das primeiras borrascas tras un final de agosto marcado polo tempo extremadamente cálido e a falta de choivas. O resultado: praias pechadas en Sanxenxo, O Grove, Cangas ou A Coruña, en plena recta final do verán e coa expectación constante de non saber onde caerá a seguinte bandeira vermella.
"Este ano a chegada das carabelas portuguesas ás costas está sendo máis tardía do habitual", explica Josep María Gili Sardá, investigador no Institut de Ciències del Mar (ICM-CSIC) que leva anos estudando a presenza e comportamento desta especie no Mediterráneo. Lembra que, de maneira habitual, as carabelas portuguesas adoitan chegar ás costas cantábricas e galegas, segundo os rexistros históricos dos que se dispoñen, a comezos do verán. Sen embargo, este ano todo se atrasou. O investigador atribúe o fenómeno a varias causas, entre elas as temperaturas, que son as que regulan o ciclo de vida destes organismos, polo que un cambio nas condicións térmicas pode atrasar ou adiantar a súa aparición. "O ciclo vital das carabelas portuguesas está condicionado pola temperatura: se hai temperaturas máis altas durante máis tempo, pode verse modificado o comezo do seu ciclo biolóxico", asegura Gili Sardá.
"CANDO VEMOS CARABELAS PORTUGUESAS NAS PRAIAS É PORQUE ESTÁN NO FINAL DO SEU CICLO VITAL E NUN MES VOLVERÁN DESAPARECER DOS AREAIS"
A carabela portuguesa ten un ciclo vital anual: pasa a maior parte da vida en fase larvaria e xuvenil, período durante o que se mantén en augas profundas, invisible para os ollos humanos; só sae á superficie cando alcanza o seu máximo tamaño, en idade adulta. É entón, cara o final do seu ciclo biolóxico, cando o característico frotador azul que a fai facilmente identificable se mantén á vista, cando emerxe da auga e déixase levar polas correntes e ventos mariños, que a arrastran ata as praias. "Cando vemos carabelas portuguesas nas praias significa que xa están no final do seu ciclo vital, por iso só somos coñecedores da súa presenza durante un ou dous meses ao ano, nos que se reportan a maioría dos avistamentos e, a partir de aí, en cuestión dun mes, volverían desaparecer", explica. Con todo, este ano as condicións hidrográficas e as correntes mudaron o suficiente como para atrasar tanto a súa chegada e as primeiras borrascas despois dun cálido mes de agosto foron clave para traer cara a costa as augas oceánicas nas que viven estes organismos.
Neste senso, o investigador asegura que é clave comprender a relación entre as augas costeiras e as oceánicas para entender esa concentración das carabelas nuns meses concretos do ano. Estes organismos viven sempre na superficie do mar aberto, que goza dunha auga lixeiramente máis cálida que a das rías e costas, que é máis fría e menos salgada, ao verse refrescada polo aporte de auga dos ríos e polos ventos costeiros, o que dificulta a súa mestura coa auga oceánica. "Cando se producen borrascas, esa barreira entre os dous tipos de auga redúcese e, polo tanto, é máis doado que a auga oceánica entre nas costas, traendo con ela, por arrastre, as carabelas", explica Gili Sardá. Ademais, tamén apunta a que Physalia physalis non é unha especie tropical, como pode pensarse: aparece en todo o Atlántico e tamén no Pacífico, habendo no Índico unha especie irmá, máis pequena. Polo tanto, a súa presenza non é unha anomalía local, senón un fenómeno global que Galicia seguirá compartindo con moitas outras rexións do planeta.
"ENTRE OS FACTORES, O CAMBIO CLIMÁTICO, QUE ALTERA PATRÓNS DE TEMPERATURA E CIRCULACIÓN MARIÑA, E A PERDA DE DEPREDADORES NATURAIS"
O fenómeno que deriva na chegada tardía destas carabelas ás nosas costas complétase tamén con outros dous factores: o cambio climático, que altera patróns de temperatura e circulación mariña; e a perda de depredadores naturais, como as tartarugas mariñas ou os peixes lúa, cada vez menos abundantes nos nosos océanos. Como detalla o investigador do ICM-CSIC, "as carabelas portuguesas teñen moi poucos depredadores e, se os poucos que teñen reducen o seu número, haberá cada ano máis colonias de carabelas e máis reprodución, o que incrementará tamén o número de exemplares do ano seguinte". E engade un exemplo curioso: o molusco mariño coñecido como 'dragón azul' (Glaucus atlanticus) do que tanto se está falando ultimamente na zona mediterránea está especializado en comer carabelas --e adquire as súas propiedades urticantes--, pero o seu número tamén está en retroceso, co que se perde un freo natural para a especie.
Así, son todo un conxunto de factores ambientais e antrópicos os que están detrás do feito de que as carabelas portuguesas aparezan en momentos diferentes aos que viñan sendo habituais e cada vez con maior intensidade. "O cambio climático tamén está favorecendo que as augas oceánicas cheguen á costa con maior frecuencia", advirte Gili Sardá. Deste xeito, a mensaxe que lanza o investigador é clara: cómpre vixiar de preto estas variacións porque poden converterse nun fenómeno recorrente. E Galicia, pola súa posición atlántica, seguirá sendo unha das zonas máis expostas á chegada destas correntes e ventos e, polo tanto, á chegada das carabelas portuguesas. Fronte a esta previsión, o investigador alerta de que será esencial recuperar programas de seguimento que permitan entender mellor o comportamento da especie, as súas variacións e o impacto das condicións ambientais sobre ela. Sen datos continuados, segundo advirte, só queda reaccionar cando os exemplares xa están nas praias.
"É UNHA MÁGOA QUE NON HAXA ESTUDOS REGULARES NIN UN SEGUIMENTO SERIO, PORQUE ESTE PROBLEMA AFECTA Á SEGURIDADE E Á SAÚDE DA XENTE"
Lamentablemente, a realidade é que falta unha investigación continuada para ter maiores certezas sobre o comportamento das carabelas portuguesas e a súa chegada ás nosas costas: "Hai uns 15 ou 20 anos tivemos un plan nacional no que se fixaba a recollida de datos, se establecían medidas de prevención e se formaba a voluntarios para proceder ás retiradas, pero non funcionou máis que 3 ou 4 anos de maneira correcta e logo foise desinchando". Ademais, o investigador do ICM-CSIC lamenta que "coa pandemia desapareceron case todos os proxectos sobre a especie". Iso fai que hoxe apenas se dispoña de datos sólidos sobre a presenza de carabelas portuguesas, máis aló de certa información puntual proporcionada na súa maioría por asociacións, aplicacións ou medios de comunicación. "É unha mágoa que non haxa estudos regulares nin un seguimento serio, porque este problema afecta directamente á seguridade nas praias e á saúde da xente", subliña Gili Sardá.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.