O CES urxe medidas ante o "preocupante" descenso de persoas activas en Galicia

O peso dos asalariados galegos sobre o PIB cae case cinco puntos en 10 anos ata só supor o 42,4%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/10/2019 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Galicia perdeu un total de 71.300 persoas activas entre 2008 e 2018, con especial incidencia entre a mocidade. Supón un ritmo de redución (-5,4%) que quintuplica o descenso medio do Estado (-1,1%).

Esta é "unha das principais prioridades" sobre as que chama a actuar o Consello Económico e Social (CES) na súa memoria de 2018 presentada este venres, na que urxe medidas para frear a perda de poboación activa.

E é que en 2018 se acrecentou esta tendencia de caída de poboación activa, con 4.800 persoas menos (-0,4%). Deste xeito, Galicia conta coa segunda taxa de actividade (porcentaxe de poboación activa entre poboación total) máis baixa do Estado, cun 53,3%, só con peores datos en Asturias (50,8%).

Respecto diso, o CES alerta no seu informe de que a problemática é "especialmente intensa" entre os 25 e os 34 anos. A cifra de fogares galegos con ningún activo é case un terzo (o 31,8%).

Así, o Consello Económico e Social observa un "preocupante e continuo" descenso do peso dos asalariados galegos no Produto Interior Bruto (PIB) cun retroceso de 4,5 puntos entre 2008 e 2018, ao pasar de supor o 46,9% ao 42,4%.

Á hora de tomar medidas de futuro, chámase á "articulación" de propostas para a retención de talento e atraer a mocidade. A aposta pola economía circular e a reorentación do modelo cara a "parámetros máis ecolóxicos" poden "constituír un novo motor de crecemento". Así mesmo, avógase por activar a reindustrialización e pola profesionalización e desestacionalización do turismo.

SITUACIÓN "PREOCUPANTE"

Olga Crespo, de UGT Galicia, foi a encargada de debullar en rolda de prensa en Santiago as principais conclusións deste estudo de 2018, no que xa se observan factores de "desaceleración" da economía galega, como un menor crecemento.

Na presentación, o novo presidente do CES, Agustín Hernández, sinalou que a situación é "preocupante" con base nos datos analizados de 2018, que se "están confirmando" nos primeiros trimestres de 2019, nun momento de "incerteza".

Aquí xoga un papel fundamental o envellecemento da poboación, cunha "falta de relevo xeracional", reflexiona Hernández, nun declive demográfico que afecta en especial ao rural, polo que cre que se deben favorecer as medidas para a súa revitalización.

Desde 2008, Galicia perdeu 85.294 habitantes, un 3,1% menos do total. É a terceira comunidade con maior baixada de poboación na última década.

OUTRAS CUESTIÓNS

Entre outras recomendacións que fai o CES no seu informe, apúntase a necesidade de implantar unha tarifa eléctrica industrial para grandes consumidores ante a crise que vive o sector.

Ademais, chámase a dar cobertura aos máis de 7.800 dependentes que seguen sen ser atendidos; critícase que non se reduza a taxa "constante" do 20% de poboación en risco de pobreza; á vez que se apunta a "necesidade" de pór en marcha un plan galego de saúde mental, con atención a menores e perspectiva de xénero.

Tamén se avoga por promover a rehabilitación de vivendas; reducir a brecha de xénero entre os pensionistas galegos; aumentar o investimento en I+D; así como reducir a taxa de abandono escolar, que se atopa por encima dos obxectivos marcados pola UE.

Presentación do informe do CES de 2018 con Agustín Hernández no medio
Presentación do informe do CES de 2018 con Agustín Hernández no medio | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta