O TSXG condena ao Estado a indemnizar con 11.640 euros a un preso que foi agredido por outro en Teixeiro

Os xuíces conclúen que a agresión se produciu "pola omisión das medidas adecuadas" que o agresor "merecía".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2019 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Estado, a través da Dirección Xeral de Institucións Penais, como responsable civil ao pago dunha indemnización de 11.640 euros a un recluso que foi agredido por outro preso no cárcere de Teixeiro no ano 2016.

Segundo informou o TSXG, na resolución de primeira instancia o sospeitoso foi castigado con tres anos de cárcere por propinar unha "forte puñada" na cara ao seu compañeiro cando lle esixiu "de malos modos" que lle deixara sitio nun banco.

A consecuencia do golpe, a vítima sufriu unha fractura na mandíbula e a perda de varias pezas dentais, polo que o procesado foi condenado a indemnizalo con 11.640 euros. Nese momento, a Audiencia Provincial da Coruña absolveu á Dirección Xeral de Institucións Penais de responder subsidiariamente desa suma.

Con todo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera que o acusado, no momento dos feitos, presentaba un "trastorno explosivo intermitente da personalidade" e un "trastorno adaptativo con alteración mixta das emocións e do comportamento". O TSXG considera que esta circunstancia "debeu ser debidamente detectada polos servizos penais correspondentes" xa que "entraña inequivocamente unha situación de risco".

A ADMINISTRACIÓN "QUEBRANTOU" OS SEUS DEBERES

Ante estes feitos, o alto tribunal galego considera que a Administración "si quebrantou os especiais deberes impostos pola normativa" xa que "a debida observación do interno" e o "risco" da súa "especial condición psíquica" debeu ser "oportunamente ponderado" para determinar un "maior illamento" ou establecer "unhas medidas de seguridade" oportunas.

Por iso, os xuíces conclúen que a agresión se produciu "pola omisión das medidas adecuadas que a observación e a cualificación do agresor merecía", polo que "se pode falar de infracción regulamentaria".

Con todo, o TSXG rexeitou o segundo motivo do recurso presentado pola acusación particular, que demandaba unha maior indemnización porque aseguraba que a sentenza apelada "valora adecuadamente as lesións e secuencias que afectan á vítima dos feitos axuizados".

Centro penintenciario de Teixeiro
Centro penintenciario de Teixeiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta