O comité da CRTVG critica o "tratamento morboso" do feminicidio de Valga nos informativos

O comité de empresa emite un comunicado no que expón as eivas que se produciron nas informacións emitidas o 16, 17 e 18 de setembro sobre o tripo crime machista de Valga: "Non se respectou a dor das vítimas e ofrecéronse detalles que non viñan ao caso".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2019 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A CRTVG incumpriu os protocolos informativos para o tratamento da violencia machista durante os días 16, 17 e 18 de setembro nas informacións sobre o feminicidio de Valga na Televisión de Galicia. Así o manifesta o comité de empresa da propia CRTVG, que critica que nalgúns telexornais tratouse o triplo crime como un suceso convencional, usouse unha linguaxe que normalizaba e violencia machista, ofrecéronse detalles morbosos sen interese informativo e non se contextualizou con mensaxes positivas de expertas e casos de éxito nos que se evitou o asasinato, amais de evitar na maioría dos informativos a inclusión do teléfono de denuncia da violencia machista e, cando se fixo, non se advertiu que a chamada non deixa pegada na factura telefónica.

Protesta en Vigo contra o asasinato machista de Valga
Protesta en Vigo contra o asasinato machista de Valga | Fonte: Miguel Núñez

"A CRTVG ACTUOU COMA CALQUERA TELEVISIÓN PRIVADA"

Así pois, A CRTVG, abonda o comité, "obviou o seu labor de servizo público para actuar como calquera televisión privada na procura de audiencia a calquera prezo". Unha audiencia, asegura, que lle "deu as costas" xa que nos tres días de cobertura do triplo crime foi en descenso nos telexornais.

O caso máis grave foi a reiterada emisión o día 18 de setembro das declaracións dunha familiar do asasino confeso das tres mulleres. Segundo o comité, non se vixiou o uso de testemuñas próximas ao agresor como recomenda o propio Consello de Administración da CRTVG. Deste xeito, abríronse telexornais coas declaracións da irmá do asasino confeso de costas á cámara baixo o titular “Sei que o fixo porque mo dixo e botou ás mans á cabeza”. Nas declaracións que se emiten, a muller asegura que nin el mesmo sabe porqué reaccionou así e atribúelle un suposto arrebato de loucura co que tamén titula a TVG un dos informativos. Malia saír de costas para que non aparecera a súa imaxe, identifícase a muller con nomes e apelidos.

INFORMACIÓN MORBOSA

Os informativos da TVG incumpriron, xa que logo, as “Recomendacións do Consello de Administración da CRTVG sobre o tratamento dos casos de violencia machista nos medios de comunicación públicos galegos”, amais das do Colexio de Xornalistas de Galicia. O comité afirma que "non se respectou a dor das vítimas" e foi a propia "acción decidida do persoal de Informativos a que impediu que se sobrepasasen os límites éticos".

A linguaxe puramente informativa obviouse en reiteradas ocasións e "ofrecéronse detalles morbosos que non viñan ao caso". O comité refírese, por exemplo, a nunha conexión en directo onde se chegou a dicir que a forense que ía realizar as autopsias no mesmo lugar no que se realizou a de Diana Quer. Para o comité este dato non achegaba "ningún interese informativo" e, ademais, estaba sen confirmar e sen contrastar. De feito, as autopsias acabaron practicándose en Pontevedra e non en Santiago.

A actuación da dirección de Informativos da CRTVG provocou durante eses días unha maior tensión na Redacción, afectando ao traballo do persoal e á situación emocional, que mesmo provocou bagoas na redacción polas presións recibidas, aseguran dende o comité. Esixen, por todo isto, que a dirección de Informativos respecte o traballo profesional no departamento e non obrigue nin transmita ordes para incumprir tanto os códigos deontolóxicos profesionais como as obrigas legais que teñen como servizo público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta