Ramón Carballal Pernas

Os plans de estudo das facultades de Dereito e das escolas de prácticas xurídicas non instrúen aos seus alumnos no coñecemento da nosa tradición xurídica. Tampouco os colexios e asociacións profesionais teñen posto moito empeño para cubrir estas lagoas informativas. Todo iso fai que moitas das figura egrexias do foro sexan descoñecidas polos profesionais do Dereito.. Tal é o caso de Ramón Carballal Pernas, maxistrado que fora da Audiencia Territorial da Coruña deica 1982, ano do seu pasamento.

Por Xosé Glez. | Redondela | 29/05/2012

Comparte esta noticia
Este déficit de coñecementos é a causa determinante da desgaleguización do exercicio profesional  á que se lle podería poñer remedio divulgando as virtudes intelectuais que adornaron en vida a moitos xuristas comprometidos coa defensa da nosa identidade. A Irmandade Xurídica Galega véno facendo desde hai anos. Fíxoo xa con Sebastián Martínez-Risco, Pedro González López, Daniel García Ramos e Fermín Bouza Brey. Este ano tócalle a  Ramón Carballal Pernas.
 
 Ramón Carballal Pernas, figura senlleira da xudicatura galega, foi o primeiro académico de número da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación que leu o seu discurso de ingreso en galego cun estudo sobre o ideario político-social e penitenciario de don Ramón de La Sagra. Importante foi tamén a súa contribución á celebración do I Congreso do Dereito Galego de 1972 onde os seus relatorios sobre o Dereito Civil especial de Galicia habían ser de moita utilidade, moitos anos despois, para que as nosas institucións xurídicas xenuinas fosen recoñecidas por  lei. Un Congreso, por outra banda, transcendental polos acordos tomados. Abonda lembrar a aposta arriscada  solicitando a abolición da pena de morte, amnistía para os presos políticos e a oficialidade para a lingua galega.
 
A súa obra prolífica abranxeu a investigación xurídica sobre asuntos tan varios como as “Limitacións da Responsabilidade Patrimonial da Administración”, relatorio que presentou nas Primeiras Xornadas Xurídicas da Coruña en 1975, e as decisivas contribucións á lei de montes veciñais en man común. Pero tamén cultivou outros xéneros  -narrativa e poesía- en lingua galega,  de claro compromiso social. A emigración e as súas secuelas; o atraso económico e a desvertebración  que esa situación provocaba nas familias preocupábanlle e denunciounas nos seus textos literarios.
 
A Irmandade Xurídica Galega renderalle este ano unha homenaxe co gallo da celebración da V Asemblea  que se celebrará o vindeiro día 23 no Salón de Actos do Reitorado da Universidade da Coruña onde se presentará a obra colectiva titulada “Ramón Carballal Pernas.Ciencia xurídica e galeguismo”. Antes, en Chantada,  o día 11, o maxistrado da Audiencia Provincial de Lugo, Luís Villares Naveira, un dos seus biógrafo, pronunciará unha conferencia, e a seguir descubrirase unha placa conmemorativa do seu paso polo Xulgado do Partido Xudicial na vila chantadina onde é lembrado aínda con admiración e agarimo. Están previstos celebrar outros actos máis para homenaxear a dous avogados inxustamente esquecidos: Amadeo Varela, en Ourense,  e Roberto González Pastoriza, en Vigo. Pero deles falaremos noutra ocasión. Agora, aproveitando a homenaxe a Carballal Pernas, cómprenos facer un chamamento aos profesionais do Dereito para que asuman o compromiso de incorporaren o uso da lingua galega  aos procedementos procesuais seguindo o exemplos dos  corenta e cinco xuristas que este ano ingresarán na Irmandade Xurídica Galega no acto solemne do próximo día 23, na Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA