Mocidade bailadora: quen di que non son compatibles as foliadas coa discoteca?

O grupo Pesquedellas vén de presentar un documental sobre a música tradicional que ten un obxectivo claro: animar a xente nova a deixarse engaiolar polo son das gaitas e o escintileo das pandeiretas. "Non só o reguetón funciona, esta é outra forma de ocio, e é de todos", reivindican as impulsoras da iniciativa.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha viaxe en coche e unhas mans que seguen o ritmo da música enriba do volante. Así comeza o proxecto documental de oito rapaces e rapazas que percorreron diferentes puntos do país buscando aprender dos recordos dos máis maiores e das iniciativas das persoas máis mozas. O fío co que prenden unhas voces coas outras é a música tradicional. 

Integrantes do grupo Pesquedellas no proceso de creación do documental
Integrantes do grupo Pesquedellas no proceso de creación do documental | Fonte: Pesquedellas

Gala, Andrea e Noelia son tres das rapazas que tomaron parte do proxecto. Elas pertencen dende moi cativas á Escola Municipal de Folclore de Betanzos, e o feito de levar tanto tempo no mundo do baile e da pandeireta espertou nelas o interese por saber máis ao redor das recollidas e da música tradicional no pasado. Pouco a pouco, o grupo de traballo foi collendo forma ata que naceu o Proxecto Pesquedellas, que vén de presentar o documental 'Escoitar, aprender e compartir' no que lle deron voz a diversos perfís do eido. 

O obxectivo do proxecto, segundo relatan, é animar á xente nova a deixarse engaiolar polo son das gaitas e o escintileo das pandeiretas. "Non só o reguetón funciona, esta é outra forma de ocio, e é de todos", reivindican as impulsoras da iniciativa. "Como dicía De ninghures no documental, non está reñido ir a unha foliada con marchar despois para a discoteca". Ademais, o grupo Pesquedellas ten claro outro dos seus propósitos: "Queremos que en Betanzos se volva fixar a tradición do viño do país, co que iso implica: xuntarse ao redor dunha mesa e cantar". Nesta chamada á mocidade tampouco deixaron pasar a oportunidade de organizar unha foliada, "a primeira foliada de Betanzos en moito tempo!", relatan.

ESCOITAR PARA APRENDER

As cantareiras de Anxeriz, De Ninghures, Pedro Maceira, Ales Martínez, Pedro García, Aurora Cal, Benjamín Ferreiro, Carmiña, A Refoxa; Otilia Ares, Carmiña Barreiro... Son algunhas das persoas que comparten coñecementos e opinións perante a cámara. "Un dos primeiros contactos que conseguimos foi Carmiña, A Refoxa. Contounos que tiña un lagar comunitario na súa casa e que cantaban todos xuntos. Chegaban a lavar 100 vasos de viño de cada vez", contan as rapazas.

Integrantes do grupo Pesquedellas no proceso de creación do documental
Integrantes do grupo Pesquedellas no proceso de creación do documental | Fonte: Pesquedellas

A partir dela foron tirando de fíos. "Otilia e Carmiña leváronnos xunta as pandeireteiras de Anxeriz. Aquilo foi marabilloso! Cando chegamos xa tiñan todo o café posto, as galletas salgadas... Dicíannos: comede, comede, comede! [risas]. Nunca tiveramos ese contacto directo con persoas que tocaran e bailaran... Moi interesante". E así, aos poucos, sempre ao redor da cociña ou duns pratos de comida, o grupo Pesquedellas foi escoitando historias das que non queren volver esquecerse.

Segundo contan, acabaron o documental coa sensación de que queda moito por saber e por recoller. "A xente non se interesa o suficiente por ter coñecementos sobre o noso pasado. É a nosa historia. A forma de ser dun pobo". Carmiña Barreiro, profesora de baile da agrupación Os Santiaguiños de Boimorto e unha das informantes no proxecto, ve fundamental a recompilación de todas as recollidas para poñelas a disposición do pobo. Apela, pois, aos organismos oficiais para que toda esa documentación que hoxe en día está gardada nos caixóns das casas de cadaquén entre a formar parte dun rexistro comunitario e accesible a todo o mundo. Só así, conta, coñeceremos o noso pasado.

"Hai que ver moito vídeo e moita recollida. No folclore estanse facendo auténticas barbaridades cando queren mostrar o que se facía antes, e iso é porque o descoñecen", conta Carmiña. De feito, en contra do que se instaurou en moitas ocasións como o verdadeiro, Carmiña afirma que "non sempre sacaban o punto os homes. Eu teño visto recollidas nas que eran as mulleres as que sacaban porque eran elas as que se acordaban dos puntos".

ACHEGAR A TRADICIÓN Á MOCIDADE

Pedro García é o organizador dende hai un ano da Sala Malatesta - en Santiago de Compostela - xunto co seu compañeiro Ales Martínez. Tal e como explican no documental, a través desta iniciativa pretenden achegar a tradición dos seráns ao estudantado e bailadores de Compostela. "É importante que se vexa o baile e a música como algo propio e non como cousa de catro vellos", reivindica. Malatesta comezou hai xa bastante tempo, pero estes dous rapaces colleron as rendas do local a comezos do curso pasado. "Foi un boom! Non se anda na sala! Flipamos, claro!", conta.

Non todo está perdido. Se ben é certo que "resulta difícil sacar á xente tan acomodada da zona nova un xoves pola noite", un día ao mes a Sala Malatesta énchese con público de todas as idades. "A xente que vén ver o ambiente queda moi contenta. É un xeito de darlle relevancia a este tipo de música e de poñer a nivel de todo o mundo a oportunidade de descubrir un hobby que quizais non sabía que o tiña. Podes acabar coma min que estou obsesionado perdido!", conta a risas.

Di que ao mellor é un iluso, pero que cre que hoxe en día a mocidade está máis comprometida coa música tradicional. "Grupos como De Ninghures, Baiuca, Aliboria... chaman pola xente nova. Xabier Díaz é un exemplo paradigmático. É o tradicional dignificado". Para as rapazas de Pesquedellas, "con ese tipo de proxectos conseguimos que o folclore evolucione e volva formar parte de nós", relatan. Con todo, Pedro pensa que a normalización vai levar tempo. "... Ao mellor estaría xenial que chegara un momento en que fose un rollo coma o flamenco: que todo o mundo o sentira seu. Nese caso a cadea de transmisión nunca rompeu, e avós, pais e fillos forman parte do mesmo universo. Estaría guai que iso mesmo pasara aquí". 

Quen sabe. O que si podemos ter por seguro é que a xente do grupo Pesquedellas non fixo máis que poñer a andar o seu proxecto. Gala, Noelia e Andrea están convencidas de que queren continuar xirando polo país para compartir a través do Youtube e das redes sociais esas experiencias que a xente lles vai contando. "Igual que sabemos de cultura clásica, temos que saber do noso. Por que no colexio aprendemos antes a tocar algo de Beethoven que a tocar unha muiñeira? Segue faltando autoestima, pero este documental deunos esperanza!". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta