Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/05/2012 | Actualizada ás 12:59
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dalle, deste xeito, a razón aos que, como á Comisión pola Recuperación da Memória Histórica da Coruña, mantiñan que este recurso non tiña fundamento.
E é que a 'Asociación deportiva y cultural de veteranos de la Legión' interpuxera un recurso contra a decisión do goberno municipal dirixido polo popular Carlos Negreira. "Pero o alcalde, cunha evidente postura política, non fixo nada diante da presentación do devandito recurso", denuncia a CRMHC.
Regulamento municipal
O propio Regulamento municipal para a concesión de honores e distincións, no seu artigo 17, sinala que o título de “Fillo Predilecto” só poderá recaer en persoas que “polas súas destacadas cualidades persoais ou méritos sinalados e singularmente polos seus servizos en beneficio, mellora ou honor da Coruña, alcanzaran o prestixio e consideración xeral”.
Uns precectos que, segundo a CRMHC, non cumpre Millán Astray y Terreros xa que "participou activamente na preparación da sublevación militar de 1936, na represión do franquismo, ocupando importantes responsabilidades na ditadura, como Xefe de Radio, Prensa e Propaganda -ensalzando a figura de Franco como caudillo e salvador invencible da patria- e procurador en Cortes, por designación directa do ditador".
Sentenza
A sentenza da xuíza do xulgado do Contencioso Administrativo nº 3 fai referencia ao citado Regulamento e sinala que “non cabe negar al Concello demandado la potestad para dejar sin efecto los honores concedidos”. Segundo a CRMHC "deixa ben claro que estaba nas mans do goberno municipal, facendo emprego das súas competencias", retirar a Millán-Astray a condición de “Fillo Predilecto”, así como a rúa e o monumento. Este foi o procedemento seguido por numerosos concellos, que xa retirararon a simboloxía franquista, incluso antes da aprobación da Lei de Memoria Histórica.
Por outra parte, a sentenza do xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 da Coruña -comunicada ao concello o 2 de maio de 2011 e da que non tivo coñecemento a opinión pública ata o 28 de agosto- sinalaba, refiríndose a Lei da Memoria Histórica, que “no existen dudas” de que o acordo plenario de 7 de setembro de 2009, que retiraba a Millán-Astray a distinción de “Fillo Predilecto”, “es incardinable en dicha ley”.
"Auténtica indecencia"
Por iso, esta asociación entende que manter hoxe na Coruña a distinción honorífica de “Fillo Predilecto” a Millán-Astray sería "unha auténtica indecencia, unha indignidade, unha humillación, un oprobio e un insulto á cidadanía –especialmente ás familias dos represaliados- que non pode permitir unha sociedade democrática".
Ademais, lembra que este militar é famoso pola súa proclama “mueran los intelectuales”, “Viva la muerte”. "Estabamos a dar un espectáculo lamentable, que non tería lugar en ningún país democrático europeo, goberne a dereita ou a esquerda. Haberá en Alemaña algún goberno municipal que se atreva a manter a distinción de fillo predilecto a un colaborador de Hitler e ministro da propaganda como Goebbels?", se pregunta.
"O tema de fondo é que se necesita vontade política para retirar esa distinción honorífica, deixando ben claro ante a cidadanía que o concello da Coruña vai ter tolerancia cero co franquismo", sinala ao criticar que o actual goberno municipal dirixido por Carlos Negreira segue "incumprindo" o própio acordo do pleno da corporación municipal de 7 de setembro de 2009, que aprobaba, sen ningún voto en contra, e en aplicación da Lei da Memoria Histórica, a eliminación de máis de 50 símbolos franquistas, entre eles, 23 rúas da cidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.