A Xunta crea un sistema público de limpeza de franxas de seguridade contra os incendios

A Administración autonómica defíneo como un "sistema de cooperación" entre a Xunta, Seaga, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e os concellos que voluntariamente se adhiran.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2019 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia crea un sistema público de limpeza de franxas de seguridade contra os lumes a través dunha modificación da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais que incorpora á lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos orzamentos de 2020.

En concreto, a Administración autonómica defíneo como un "sistema de cooperación" entre a Xunta, Seaga, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e os concellos que voluntariamente se adhiran. Con todo, indica que o Estado, as deputacións así como calquera administración ou entidade do sector público poderá participar neste sistema a través dun convenio que fixe os termos da colaboración.

O obxectivo, segundo apunta, é a prevención de incendios forestais, de forma que se consiga a diminución do número de incendios forestais nas zonas urbanas, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e bens.

Entre as actuacións que comprende este sistema público, a Xunta sinala a "colaboración económica e técnica" entre a Administración xeral da Comunidade autónoma e os concellos para garantir a limpeza das parcelas incluídas nas franxas secundarias.

Ademais, contempla a prestación pola Administración autonómica do sistema público nos terreos rústicos incluídos nas franxas secundarias mediante a formalización de contratos cos titulares dos terreos.

SEAGA

Segundo apunta a Xunta, as actividades de limpeza serán xestionadas ou de forma directa a través de Seaga da forma que se concrete no convenio de colaboración. Así, a empresa pública poderá prestar actividades de xestión da biomasa mediante os seus propios medios ou proceder á contratación total ou parcial das obras e actividades necesarias.

Para o sistema, a Administración autonómica apunta que se reservará unha cantidade específica dentro do Fondo de Cooperación Local co obxectivo de contribuír economicamente ao convenio.

Ademais, outra das cuestións que precisa a Xunta é que, "a efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión", establecerase no convenio unha tarifa que deberá ser obxecto de abono polas persoas responsables do cumprimento das obrigacións de limpeza que formalicen ao contrato xestión para a realización do servizo.

"A tarifa será percibida por Seaga, como fornecedora material da actividade, será uniforma para todas as persoas responsables, e será en todo caso inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios", apunta a Xunta.

Un traballador do BRIF loita contra o lume
Un traballador do BRIF loita contra o lume | Fonte: bombeiros forestais de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta