Alarma no rural galego polo pulgón verde: a outra cara das nosas deliciosas mazás

En Galicia, cultivar froita é un acto de resistencia diaria: fronte a un clima cada vez máis imprevisible, a presión do mercado e pragas que avanzan con forza, como o pulgón verde, o cincento ou o laníxero. Os fruticultores galegos fan un traballo invisíbel e vital, que vai moito máis alá de agardar a que a colleita chegue.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 05/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En Galicia, os frutais non só medran, tamén resisten. Resisten ao clima cambiante, ás esixencias do mercado e, sobre todo, ás pragas que cada tempada se fan máis visibles e persistentes. A imaxe idílica dunha mazá sen defectos adoita agochar unha historia de vixilancia constante, tratamentos preventivos e moita experiencia. O traballo dos produtores galegos non se limita a agardar que a froita madure. En moitos casos, é unha batalla diaria contra insectos que atacan brotes, deforman froitos e comprometen colleitas enteiras. Un dos casos más visibles este ano é o do pulgón verde, un insecto que pica os brotes novos e causa danos sobre todo nas árbores máis novas.

Pulgón verde da maceira
Pulgón verde da maceira | Fonte: Commons

"Este ano quizáis sexa un ano especial, porque hai moito pulgón verde; case toda a xente que ten maceiras, se non as tratou, ten pulgón nelas", asegura Francisco Otero Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), ao Galicia Confidencial. Dentro dos pulgóns, hai distintos tipos. "O pulgón verde pica os brotes novos e causa danos sobre as árbores novas", explica. O seu nome débese á súa cor verde amarelenta e, "aínda que non é o máis daniño, a súa presenza é moi común e pode estragar novas plantacións". Pero, se Otero tivese que sinalar un tipo de pulgón como o peor, o fruticultor non dubidaría en apuntar ao pulgón cincento, porque este "chega a deformar por completo os brotes novos e pincha as pequenas mazás, alterando o seu crecemento". Afortunadamente, este ano está tendo unha presenza media-baixa.

Xunto a estas variedades, hai outra que é o pulgón laníxero, chegado de Norteamérica e que se pode identificar porque forma unha especie de borla branca a partir da propia la que segrega. "Esta bóla faino máis resistente aos tratamentos que os outros tipos de pulgóns, porque o protexe fronte aos insecticidas", asegura Otero. Ademais, a súa perigosidade tamén reside en que esta especie, "no canto de atacar os brotes, ataca a madeira da maceira, creando zonas abertas nela polas que poden penetrar enfermidades como o chancro". Todos estes pulgóns afectan especialmente ás maceiras, porque, como resalta o presidente de Afrugal, "prefiren a súa madeira á doutras árbores frutais". Con todo, confesa que si poden aparecer pulgóns noutras especies, pero en moito menor número e con menor intensidade.

"MOITAS DAS NOSAS VARIEDADES AUTÓCTONAS ERAN MÁIS RESISTENTES AO PULGÓN CINCENTO, CHEGADO DE NORTEAMÉRICA, QUE AS FORÁNEAS"

No tocante ao seu ciclo de vida, Otero sinala que este é diferente tamén en función da variedade de pulgón da que se trate. "Por exemplo, no mes de xuño o pulgón cincento xa non está tan presente, véndose moi poucos exemplares do mesmo nas árbores, porque nesta época do ano emigra das maceiras a unha plantiña coñecida como llantén", sinala. E é que este pulgón ten dous hóspedes: un é a maceira, na que habita e da que se alimenta durante o outono e o inverno; e outro é esa planta, da que se aproveita xa chegado o verán. "O pulgón cincento retornará ás maceiras en outono para depositar os seus ovos", afirma o fruticultor, que chancea con que "moitas veces a xente pregúntanos a onde marcha o pulgón que aparece tan abundantemente na primavera, e a resposta é sinxela: está na mesma maceira, pero en forma de ovo, agardando a que chegue a nova brotación para atacar".

Por esta razón, existen dous momentos clave para realizar o tratamento: "un é cando o pulgón está en plena actividade, nos meses de primavera e verán; e outro é no inverno, atacándoo con ovicidas, para tratar de matar os ovos, que se poden ver pegados nos brotes como boliñas de cor negra". E, aínda que os tratamentos adoitan ser eficaces, é importante aplicalos con premura. "Hai que dar tratamento antes de que sala a flor", asegura Otero, que sinala que a maceira ten follas antes de que sala a flor, o que facilita esa aplicación do tratamento, porque as follas tenras fixan moi ben o produto. "Se empregas en ecolóxico un simple aceite de neem este xa actúa sobre a praga cando esta aínda é reducida; pero, se se deixa que o pulgón avance, despois si que xa é máis difícil de controlar, porque a planta vai estar moi invadida", explica.

Nas árbores adultas o problema perde importancia, pero nas plantacións novas e, sobre todo, en viveiros, o dano pode ser grave. E, aínda que tanto o pulgón verde como o pulgón cincento sempre estiveron presentes, tamén se notou un cambio na súa presenza a raíz da introdución e cultivo de novas variedades de maceiras. "Moitas das nosas variedades autóctonas era máis resistentes que as novas", asegura o presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia, que asegura que, ao introducir outras variedades de maceiras como a Golden, a Fuji ou a Elstar, "nótase máis debilidade e menor resistencia aos ataques do pulgón".

"QUIZAIS AS MAZÁS QUE SAEN DAS HORTAS TRADICIONAIS GALEGAS NON SON AS MÁIS FERMOSAS, PERO SI AS MÁIS SÁS"

Outra das pragas que máis preocupa a día de hoxe aos fruticultores é a dos vermes da mazá, eirugas dunha bolboreta nocturna coñecida como caruncho da mazá ('Cydia pomonella'), e que poden ser fatais para as árbores. "Fura o froito, come as sementes e sae polo mesmo lugar, deixando tras de si unha vía de entrada para fungos como a monilia", explica Otero. Para detectala, os fruticultores empregan trampas de feromonas. "A femia emite unha hormona que é a que se emprega nestas trampas e o macho ao sentirse atraída por ela cae na trampa", sinala. Así é como se actúa segundo o número de capturas. Ademais, non se loita da mesma maneira en todas as zonas do territorio galego. "Agora mesmo hai unha xeración desta especie de vermes que está atacando moito nas mariñas coruñesas e de Betanzos", resalta. E, dende o mes de abril estanse colocando trampas dende a asociación nesa zona.

Tendo en conta estas e moitas outras ameazas, é un verdadeiro milagre que a froita chegue aos nosos supermercados. E, lamentablemente, en moitas ocasións non se valora o traballo que hai detrás desas froitas que cada día mercamos. "Os fruticultores temos que estar mirando que o crecemento da árbore vaia ben, empregar tratamentos o máis suaves e respectuosos posibles, respectar os prazos de seguridade...", explica Otero. Fronte a isto, contrapón as grandes producións comerciais de froitas que "chegan a levar ata 15 ou 20 tratamentos por campaña". "E, despois, as mazás aínda se recollen, se lles dá cera, se abrillantan...", sinala. Así as cousas, reflexiona sobre o feito de que "quizáis as mazás que saen das hortas tradicionais non son as máis fermosas, pero si as máis sás". Sen dúbida, unha loita constante, ano tras ano, que segue sendo pouco visible para quen só se fixa na cor ou no brillo dun froito cando chega ao expositor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta