Denunciado un home por abandonar un coche tras un accidente e dar positivo en drogas

Por outra banda, un condutor foi detido despois de non comparecer nun xuízo rápido por delitos contra a seguridade viaria en Ordes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

A Policía Local de Ferrol denunciou un home por condución neglixente ao ir ao volante dun vehículo que carecía de autorización administrativa e conducir baixo os efectos de drogas. Ademais, denunciara o roubo dun coche que deixou abandonado tras ter un accidente con el.

Así o relataron fontes municipais, que explicaron que esta persoa se presentou na Xefatura da Policía Local para denunciar que lle roubaron un Peugeot 406. Os axentes que o atenderon tiñan constancia de que o vehículo estivera implicado nun accidente pouco antes na FE-13 e que o condutor fuxira noutro turismo. "Ademais, o aspecto do home coincidía coa descrición achegada", destacan.

Con todo, o home negou que se tratase del e marchouse acompañado por outro individuo nun Fiat Punto tras dicir que iría presentar denuncia ante a Policía Nacional. Os axentes, sinalaron as mesmas fontes, "verificaron que se trataba do mesmo coche que acudiu a buscalo ao momento do sinistro", polo que avisaron a unha patrulla, que o interceptou na glorieta onde conflúen a estrada de San Pedro e a FE-13.

En presenza da Policía Xudicial, o home confesou que era el quen conducía o Peugeot 406 no momento do accidente e foi sometido a unha proba de drogas na que obtivo positivo "para todas as sustancias testadas: cocaína, opiáceos, benzodiacepinas, cannabis, anfetaminas e matanfetaminas", destacou a Policía Local. Por iso, o pasado domingo procedeuse a denuncialo por conducir baixo a influencia de drogas e por "condución neglixente", destacan as mesmas fontes policiais, polo accidente previo.

Control de estrada da Garda Civil de Tráfico. GARDA CIVIL TRÁFICO
Control de estrada da Garda Civil de Tráfico. GARDA CIVIL TRÁFICO

DETIDO OUTRO CONDUTOR EN ORDES

Un condutor foi detido por axentes do sector de Tráfico de Galicia en cumprimento dun auto dun xulgado de instrución de Ordes despois de non comparecer nun xuízo rápido por delitos contra a seguridade viaria. Segundo informou o Instituto Armado, ao individuo cónstalle a requisitoria dun xulgado da Coruña polo mesmo motivo. O detido conta con oito antecedentes policiais por conducir sen obter nunca o permiso e outras condutas de risco.

A detención produciuse cando unha furgoneta da súa propiedade foi detectada canto circulaba por unha estrada de Carral debido a que se trataba do vehículo dun usuario "catalogado como de risco", subliña o Instituto Armado, polo que se procedeu á identificación dos ocupantes.

Nesta ocasión, o investigado circulaba como acompañante. "É un vello coñecido dos axentes encargados da vixilancia e control do tráfico pola súa predisposición a incumprir as ordes de 'alto' dos axentes e a realización de conducións temerarias", indicaron as mesmas fontes.

Unha vez detido e, tras pasar a noite nos calabozos da Garda Civil, foi conducido ante a autoridade xudicial para a realización dos trámites xudiciais para os que fora citado anteriormente.

USO FRAUDULENTO DE GASÓLEO

Ademais, ao investigado formulóuselle denuncia ante a Axencia Tributaria por uso fraudulento de gasóleo bonificado do tipo B, xa que, tras inspeccionar a furgoneta, comprobaron que o seu depósito de combustible estaba cargado cun gasóleo de cor avermellada, "utilizado para traballos agrícolas, forestais e pesqueiros", subliña o Instituto Armado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta