O PP rexeita modificar a lei galega de xogo de 1985 porque a Xunta "xa está a facer" unha nova

Os 'populares' descartan oficializar na Cámara a lingua de signos galega porque a Federación de Persoas Xordas di que "non hai demanda social".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O Grupo Popular no Parlamento de Galicia rexeitou tomar en consideración unha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para modificar a lei galega de xogo do ano 1985 porque "xa se está facendo" o traballo de adoptar unha nova normativa que regule esta actividade.

Casino / Elaine Smith en Flickr. Casino / Elaine Smith en Flickr.
Casino / Elaine Smith en Flickr. Casino / Elaine Smith en Flickr.

Durante a defensa da proposta no pleno deste martes na Cámara autonómica, a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla evidenciou que Galicia é unha "zona cero" en España en canto ás casas de aposta, ante o que a Xunta "parece impasible" contra o "problema de saúde pública" que supón a ludomanía. "Neste momento hai 10.000 menores enganchados ao xogo" en Galicia, advertiu.

Así, e despois de dicir que "chega tarde" a nova lei de xogo que está en desenvolvemento por parte da Administración autonómica, criticou que o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, se reúna de novo co "lobby" do sector.

Por todo iso, o Grupo Común da Esquerda propuxo modificar a normativa de 1985 para "prohibir toda a publicidade" relacionada co xogo e as apostas, impedir que os equipos deportivos conten con patrocinadores deste ámbito, restrinxir a venda de alcol nestes locais e ampliar a un quilómetro —actualmente son 150 metros— a distancia dos salóns aos centros de menores, os centros de saúde e as asociacións de persoas adictas ao xogo.

Con todo, a toma en consideración desta reforma topouse co voto en contra do PP, o grupo maioritario. A parlamentaria Paula Prado aclarou que non apoian a iniciativa porque o anteproxecto da nova lei de xogo, que xa "estivo en exposición pública" entre marzo e xuño de 2019, xa contempla un "maior control do acceso a menores" nestes locais, adopta máis "restricións" á publicidade desta actividade e establece "un réxime sancionador" para as empresas que incumpran todo iso.

Ademais, afeou ao Grupo Común da Esquerda que, cando se atopaban baixo a marca En Marea, "votaron en contra" en 2018 de modificar a normativa de 1985. Non en balde, Prado asegurou que o PPdeG é "o único grupo" que incluíu medidas neste contexto no seu programa electoral para as eleccións autonómicas do 2016.

Durante a quenda de peche, Eva Solla recibiu un toque de atención por parte do presidente da Cámara, Miguel Santalices, por chamar "cínica" á deputada 'popular' por "non ter nin un só argumento de votar en contra desta iniciativa".

UN PROXECTO "CONDESCENDIENTE" CO SECTOR

Así, respecto da lei en desenvolvemento por parte da Xunta, a parlamentaria de Común da Esquerda lembrou que o proxecto xa tivo que ser modificado porque era "condescendiente" co sector do xogo, ante o cal o Goberno galego atopouse cunha "gran contestación social".

A iniciativa defendida por Solla contou co voto favorable de toda a oposición. O primeiro destas formacións en intervir foi o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, quen reivindicou a "necesidade de carácter social perentorio" que supón a súa aprobación, xa que ademais dos menores afectados por esta adicción hai xente "azoutada pola ditadura da precariedade laboral" que decide apostar por unha "falsa ilusión de que vai mellorar a súa economía".

Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil explicou que o apoio dos nacionalistas débese á "necesidade de actualizar un marco normativo superado pola realidade", aínda que "o primeiro que hai que cambiar é o título da lei" porque a aposta "non é un xogo". Así mesmo, Rodil lamentou que Galicia "non pode" intervir en materias como a propaganda en Internet co marco competencial actual: "Por moito que aos nacionalistas nos pese".

Tamén votou a favor o Grupo Socialista, cuxo deputado Julio Torrado puxo o foco no veto imposto pola Xunta hai meses á apertura de novos locais de xogo. Aínda que ve positiva esta medida, criticou que "desde que se anuncia e ata que se implanta" creouse "un volume importante" destes establecementos. Por iso, manifestou as súas sospeitas co desenvolvemento da futura nova lei de xogo: "A ver se vai ser non para regular, senón para avisar de cando se vai a implantar".

MODIFICAR O REGULAMENTO DA CÁMARA

Por outra banda, o PPdeG tamén tombou unha proposta do Grupo Mixto que buscaba modificar o regulamento da propia Cámara autonómica para incluír como oficiais, xunto ao galego e ao castelán, as linguas de signos galega e castelá, así como blindar o acceso ao hemiciclo dos asistentes das persoas con diversidades funcionais.

A deputada Paula Vázquez Verao, que iniciou a defensa da iniciativa en lingua de signos, sinalou que a inclusión no Parlamento "non pode ser algo anecdótico" senón "a norma", e advertiu que as persoas con discapacidade, en caso de saír elixidas como deputados, "non terían os mesmos dereitos" que o resto.

Ademais, a proposición de lei tamén demandaba unha reforma das comisións parlamentarias para crear tres novas da modalidade non permanente destinadas ao emprego, á discapacidade e á igualdade de xénero co horizonte temporal no "primeiro semestre do 2020".

Posteriormente, a parlamentaria 'popular' Marta Rodríguez acusou a Vázquez Verao de "confundir unha reforma do regulamento cun mitin electoral" e insistiu en que se trata de "algo moi serio".

Así, remitiuse a unha réplica da Federación de Persoas Xordas a dúas deputadas de En Marea que xa expuxeron no Congreso oficializar a lingua de signos galega e reiterou que "non hai demanda social". En calquera caso, asegurou que a lingua de signos "xa se utiliza nas sesións plenarias" do Pazo do Hórreo.

Sobre a reforma do calendario das comisións permanentes, Rodríguez dixo que o PPdeG está "aberto" a revisar a súa composición "porque non concordan coas consellerías". Con todo, rexeitou facer un "totum revolutum" e avogou por que estas modificacións se fagan para "a próxima lexislatura", prevista para o próximo ano.

Así mesmo, dirixiuse ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, para preguntarse: "Cando se prohibiu e non se aceptou a entrada no Parlamento de Galicia dun asistente? Cando non se facilitou a entrada dunha persoa cega cun can guía? Se se permite sempre, por que é necesario unha modificación do regulamento?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta