Fiscalía mantén que dous cargos da Xunta "se confabularon" para "adulterar" o expediente do dragado da ría de Ferrol

As defensas piden a libre absolución e sosteñen que o proceso "estivo apoiado normativamente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Ministerio Fiscal reiterou este venres a súa acusación contra dous excargos da Xunta acusados de falsificación documental e asegurou que ambos "se confabularon" para "adulterar" o expediente da tramitación ambiental sobre o dragado da ría de Ferrol.

Na última sesión do xuízo, que acolle a Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago, tanto a Fiscalía como a acusación popular, en nome de Adega, elevaron as súas conclusións a definitivas. En concreto, o Ministerio Público pide para o acusados seis anos de cárcere e inhabilitación por falsidade documental.

Os procesados son o entón xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, Carlos Muñoz, e o exsubdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Rogelio Fernández Díaz, que están acusados de crear un documento, que introduciron no expediente, para xustificar a omisión nun informe negativo á obra de dragado da ría de Ferrol, que non foi incluído na Declaración de Impacto Ambiental.

Na última xornada, o fiscal mantivo a súa tese de que ambos os cargos "se puxeron de acordo" para "crear" un documento que "maquillou" o contido do expediente. Así, lembrou que o obxecto do xuízo non é se a decisión ambiental foi a correcta ou non, se non se existiu unha falsidade documental e rexeitou os argumentos dados polos acusados sobre que o fixeron para "deixar constancia" do que sucedera tras recibir o informe despois dun requirimento da Fiscalía.

Con todo, o Ministerio Público sacou a relucir que polo medio puido haber "outros intereses" e chamou a atención sobre que se introducise no expediente unha 'nota interna' para deixar constancia dunha reunión na que se tratou o informe discordante e optouse por "pedir aclaracións", pero non outras notas para recoller que "esas aclaracións se deron".

"Dinos que nunca se respondeu do servizo de Conservación da Natureza, pero é mentira, o técnico dixo aquí que se lle consultou e ratificouse en que non ía cambiar o informe", dixo o fiscal, que cuestionou por que non se introduciu esta información noutra nota. "Se se quere trasladar a verdade completa, falta outra nota informativa", resolveu.

Por iso, considera que a intención dos acusados "non era responder á verdade" e ve "acreditado" que "se manipularon os expedientes" con este fin. Na mesma liña, a acusación popular afirmou que "existe unha falsificación" neste ámbito, cun consecuente "delito claro de falsificación de documento". A maiores, esta parte pon en dúbida mesmo a veracidade do incluído na nota, afirmando que "esa suposta reunión nin sequera se produciu".

As DEFENSAS PIDEN A ABSOLUCIÓN

Pola súa banda, as defensas mantiveron a inocencia dos procesados e pediron a súa absolución, negando que este feito poida encadrarse no delito de falsificación de documento.

Nesta liña, os seus avogados defensores explicaron que "non se demostrou que a nota interior sexa falsa" nin "que se tentou enganar á Fiscalía", á vez que consideraron que "o procedemento estivo apoiado normativamente". Nas súas conclusións finais, os letrados garantiron que o contido da nota interior "é certo" e fixeron fincapé en que o procedemento, que se iniciou incluíndo tamén un delito ambiental, quedouse en falsidade documental.

Para as defensas, "fíxose o que se tiña que facer", tentar "resolver as discrepancias internas", e deixouse constancia a posteriori para explicar o proceso. Finalmente, cuestionaron tamén que a 'nota' poida considerarse un documento público, ao tratarse dun texto de "apoio" externo con valor só "aclaratorio".

Actividades de dragado na ría de Ferrol
Actividades de dragado na ría de Ferrol | Fonte: ADEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta