Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/10/2019 | Actualizada ás 14:19
Partidos nacionalistas e independentistas cataláns, vascos, galegos, baleares e valencianos asinaban este venres en Barcelona unha solemne declaración conxunta na que reclaman un acordo político sobre a crise catalá, a defensa do dereito á autodeterminación de "os nosos pobos" e a liberación dos "presos políticos".
Na que chamaron 'Declaración da Llotja de Mar', estas formacións comprométense a buscar "solucións democráticas e estables ao conflito político" que consideran que estes territorios manteñen co resto do Estado. Tamén piden o diálogo para o regreso de "os exiliados", reclaman as liberdades civís e políticas dos seus cidadáns, así como as políticas sociais e económicas que permitan o progreso de "os nosos pobos". Finalmente, o acordo foi asinado por ERC, JxCat, PDeCAT, CUP, Demòcrates, a Crida Nacional per a República, EH Bildu, BNG, Esquerra Valenciana, República Valenciana, Més per Mallorca e Més per Menorca.
No caso de Galicia, a sinatura deste documento só foi ratificada polo BNG, pero non polo seu socio nas eleccións do 10N, Compromiso por Galicia (CxG), que ademais, emitiu un comunicado no que criticou o momento elixido para facer público este acordo.
CxG, “SATÉLITE DO PNV”
Unhas críticas directas a esta declaración que foron moi mal recibidas na dirección e na militancia do BNG que, cada vez máis, considera que o pacto con CxG foi un “erro”. Fontes nacionalistas consultadas por GC destacan que “o partido de Piñeiro –Juan Carlos Piñeiro, o secretario xeral de CxG--, é un satélite do PNV que non aporta nada ao Bloque, máis ven resta”, din ao aludir a súa deriva cara á dereita.
O PNV foi o único dos grandes partidos nacionalistas con representación no Congreso que rexeitou a sinatura do documento “por unha cuestión de contido e outra de contexto, porque non ten espírito construtivo e que non é o momento máis oportuno" ante a proximidade do 10N.
Precisamente, en declaracións a Galicia Confidencial, Juan Carlos Piñeiro, utiliza argumentos semellantes aos expresados polo PNV para rexeitar este documento. “No fondo estamos de acordo pero non co momento, coas formas. Nós entendemos que o que hai que facer é un acordo de colaboración de todas as forzas nacionalistas para defender cuestións comúns, pero non utilizar isto en periodo electoral”, destacou.
Con todo, aclara que a súa postura non ten que ver coas súas privilexiadas relacións co PNV, senón co momento elixido para facer público este documento. De feito, destaca que foi informado deste acordo, non polo BNG, senón polo PdeCAT, con quen tamén mantén un acordo de colaboración no Parlamento Europeo. “Falamos logo coa dirección do BNG e acordamos que cada quen ía ter a súa postura”, suliña sobre as críticas que isto pode xerar no entorno do Bloque.
“Que haxa descontecto no BNG pode ser normal porque o noso acordo con eles parte dunha colaboración puntual pero nós seguimos tendo a nosa propia autonomía”, destaca. No pacto acadado co BNG, o primeiro punto acordado era que as dúas formacións estaban de acordo coa autodeterminación. “O acordo é sobre dez puntos e que no primeiro punto vai iso, pero non di que haxa que cambiar a anterior Declaración de Barcelona”, asegura.
“Son diferentes posturas pero iso non é malo. Nós insistimos que o momento non é agora, é pouco ambicioso e só centrado no tema catalán. O procés condiciona as posturas porque é un conflito claro de como o Estado trata ás nacións sen estado. Nós xa nos posicionamos –sobre a autodeterminación--, pero agora non é o momento de facelo”, engade. Por iso, está convencido de que non haberá repercusións electorais tras estas diferencias, a pesar de ir xuntos na mesma lista o 10N. "CxG e BNG participan xuntos na campaña, na organización dos mítines e non creo que esta diferencia supoña ningún problema nos resultados", engade.
POR QUE NON ESTIVO ANA PONTÓN?
No nacionalismo tamén causou sorpresa que ese documento non fora asinada pola súa secretaria xeral, Ana Pontón, cando en Lotja de Mar estaban os principais líderes dos partidos independentistas e nacionalistas asinantes, entre eles os do ERC, PdeCAT, JXCAT ou Bildu. “Cuestións de axenda”, apuntan fontes nacionalistas.
Hai quen cre que a ausencia de Pontón débese máis a cuestións de estratexia política. Trataríase de evitar unha foto cos líderes independentistas cataláns e vascos nun momento complicado, a menos de doce días dunhas eleccións xerais e cos principais medios de comunicación galegos, principalmente La Voz de Galicia, moi críticos co procés.
OUTROS ACTORES NACIONALISTAS
Na sinatura dese acordo tampouco estiveron nin En Marea, nin Anova. Consultados os dirixentes destas dúas formacións, Luís Villares e Antón Sánchez, confirman que “non foron convidados”.
Actualmente, nin Anova, nin En Marea manteñen relacións fluídas con ningún dos asinantes desde documento. Só a formación de Xosé Manuel Beiras mantén canles abertas e de contactos frecuentes coas CUP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.