Común da Esquerda critica que a lei de acompañamento aos orzamentos evidencia que a Xunta "lexisla pouco e mal"

Tachan de "disparate democrático" que o Goberno galego modifique pola vía extraordinaria "dous textos legais aprobados hai tres meses"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2019 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

Grupo Común da Esquerda criticou este luns a Xunta polo "disparate democrático" que supón a lei de acompañamento aos orzamentos para o ano 2020 na que inclúen modificacións lexislativas a textos "aprobados hai tres meses", o que evidencia que o Goberno galego "lexisla pouco e mal".

Os deputados de Común da Esquerda Antón Sánchez e Luca Chao
Os deputados de Común da Esquerda Antón Sánchez e Luca Chao | Fonte: Europa Press

Os deputados de Común da Esquerda Luca Chao e Antón Sánchez comentaron que o uso da lei de acompañamento como vía para "lexislar" é "un modus operandi" do Executivo que encabeza Alberto Núñez Feijóo que "anula a posibilidade" de desenvolver un "debate parlamentario real".

"A pesar de dispor dunha maioría absoluta no Parlamento, (o PP) só foron capaces de aprobar 15 leis por vía ordinaria. Non fan o seu traballo e impiden que os grupos da oposición fagamos o noso", remarcou Chao, que lamenta que a Xunta "lexisle pouco e mal, porque teñen que autoenmendarse rapidamente", xa que inclúen modificacións a dúas leis aprobadas no últimos tres meses.

Os parlamentarios de Común detivéronse nos cambios que introduce a Administración autonómica nas leis de rehabilitación urbana, do chan e patrimonio natural. Respecto da primeira, comentou que o Goberno galego "se ve obrigado a rectificar" pola posible declaración de inconstitucionalidade de certos artigos do texto, como, segundo lembrou, alertaron os grupos durante o debate parlamentario.

Así mesmo, censurou que rectifiquen a lei de patrimonio natural para incluír unha cláusula de prescrición dos danos ao medio natural aos 15 anos, algo que non recollía o texto lexislativo aprobado hai tres meses. Chao solicitou á Xunta que "aclare" un cambio que "xera confusión e, por tanto, desprotección".

Pola súa banda, Antón Sánchez analizou as modificacións da Lei de chan que, segundo o portavoz nacional de Anova, demostran que o Goberno do PP "actúa a bandazos" e "carece dun proxecto para as maiorías sociais" ao recorrer a cambios normativos que "moitas veces son xiros de 180 graos".

En concreto, censurou a "mentira" do "eslogan" do "impostos cero no rural". "Que pregunten á xente do rural se pagan menos impostos que hai dez anos", manifestou Sánchez, que criticou a modificación do imposto de transmisión patrimonial, "unha vella receita que non ten ningún efecto positivo para fixar poboación".

"Que non lle tomen o pelo á xente", exhortou o parlamentario, que tamén tachou de "eslogan" o proxecto das 'aldeas modelo' promovido por unha Consellería do Medio Rural "que deixa sen executar 116 millóns de euros en políticas de dinamización".

Ademais, censurou que a Lei do chan, "vendida como unha forma de dar seguridade urbanística", acumula "unha media de dúas modificacións transcendentes ao ano" e chega xa "aos seis". A última, segundo Sánchez, está orientada a "favorecer" os intereses dos promotores urbanísticos coa posibilidade de "monetizar" a entrega de terreos de chan urbano non consolidado.

Por último, Antón Sánchez alertou de que os cambios introducidos sobre as vivendas no rural supoñen "volver ao modelo do réxime franquista que permitía a edificación en chan rústico", xa que, segundo o deputado, as estruturas ilegais neste tipo de terreo "poderán ser convertidas en residencias" nun período de seis anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta