Por X.M. Fernández | Ourense | 29/10/2019 | Actualizada ás 10:00
En total, segundo os datos achegados pola Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.), foron 393 os coches vendidos, cifra que podería redondearse cara aos 400 coas operacións que se pecharán estes días xurdidas dos contactos realizados no salón, tanto novos como de ocasión, e 13.500 visitas ao recinto feiral durante as dúas fins de semana que durou o salón.
Cifras positivas xa que nestes momentos as vendas de automóbiles en Ourense levan un ano experimentando unha baixada do 12 %. Os datos positivos desta edición contribuirán a dinamizar as vendas para os resultados de fin de ano. Aínda que as cifras de vendas desta 11ª edición son lixeiramente inferiores ás do ano pasado -vendéronse 429 coches-, hai que ter en conta que en maio deste ano celebrouse unha edición do Car Outlet en Expourense, tamén organizada por ACAUTO, no que foron vendidos 176 coches máis.
Este pasado domingo 27 de outubro concluía o 11º Salón do Vehículo de Ocasión podendo ver en moitos dos coches o cartel de “Vendido”. O numeroso público que pasou por Expourense tivo a oportunidade de consultar nun mesmo espazo toda a oferta existente no mercado ourensán na maior exposición de coches ‘Quilómetro 0’, seminovos e de ocasión e comparar opcións antes de elixir o coche que mellor se adaptase ás súas necesidades. O salón ofrecía tamén vehículos de todas as marcas e modelos coas mellores condicións xa non só no prezo -con descontos de ata o 0% sobre o prezo de novo-, senón tamén de financiamento, seguros -co “a todo risco” de agasallo en moitos casos), garantías -de ata 4 anos ou máis- e servizos engadidos.
Como en edicións anteriores, e co obxectivo de incentivar e axilizar as operacións, a organización volveu poñer en marcha o sorteo, entre os visitantes que pecharon a compra dun automóbil durante o salón, dun cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido. Este desconto é o máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia, o sorteo ante notario tivo lugar na mañá deste luns e a entrega realizarase estes días no concesionario que vendeu o coche co cupón premiado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.