Reaccións CIS: O PP considera a enquisa un "instrumento de propaganda" ao servizo do PSOE

"A sensación é claramente outra", din os 'populares'.O PSdeG di que Galicia quere a Sánchez e que o PP "non ten opcións de goberno". Pola súa banda, Antón Gómez Reino asegura que Galicia en Común "está claramente consolidado" e que "está en disposición de mobilizar todo o voto de esquerda" para conseguir o segundo deputado na Coruña e Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/10/2019 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, descartou unha vitoria do PSOE en Galicia como a que prognostica o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de cara ao 10 de novembro, coa vitoria dos socialistas con entre 10 e 11 escanos, mentres que o PP mantería os nove logrados o pasado 28 de abril.

Votación
Votación | Fonte: EP

Tras a reunión da Comisión Mixta de Xustiza, recalcou que as enquisas "enquisas son", á vez que se mostrou convencido de que "a sensación é claramente outra" entre a cidadanía.

E é que aínda que aludiu á vitoria en abril do PSOE, apostilou, en alusión á enquisa do CIS, que non foi "nin moito menos pola marxe que di esta enquisa", na que se recollen os datos estatais e os resultados que poderían ter as distintas formacións en Galicia o 10 de novembro.

"Vemos por onde están a ir o resto das enquisas, que din algo moi diferente", argumentou tamén Rueda para pór en dúbida o contido da sondaxe do CIS.

Ao fío diso, recalcou que "nestes meses que pasaron a xente está a darse conta do que consiste o PSOE para Galicia, ningunha boa nova para os intereses fundamentais de Galicia en materia de industria, de transporte co AVE ou en materia de financiamento", subliñou. "Saberémolo o 10 de novembro", engadiu, a colación, sobre se se referenda ou non o que di esta enquisa.

MIGUEL TELLADO

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tamén minimizou a relevancia da enquisa e lamentou que Pedro Sánchez e o seu Goberno "dilapidasen a credibilidade" deste centro de investigación ao "convertelo en instrumento de propaganda ao servizo" dos socialistas.

O CIS, di, "unicamente ten como obxectivo" influír na opinión pública da sociedade española e non "retratar" a súa opinión. Por iso, incidiu en que, a enquisa é "pouco crible para todos". "E non só é a opinión do PP, senón doutros partidos como Podemos", apostilou.

"Son as eleccións máis abertas das celebradas en España nos últimos tempos e aspiramos absolutamente a todo", resolveu.

PSDEG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que os resultados da enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) mostran que "a maioría dos galegos queren que Pedro Sánchez siga sendo presidente do Goberno".

"O Partido Socialista supera ao Partido Popular en Galicia en estimación de voto, en voto, en simpatía e en posibilidade de escanos", manifestou en declaracións aos medios antes de reunirse con alcaldes en Caldas de Reis (Pontevedra).

O xefe de filas dos socialistas galegos considerou que ao Partido Popular póñeno "moi nervioso" as enquisas porque "lles dan mal". "Non van conseguir gañar as eleccións, non teñen opcións de goberno", apuntou o líder do PSdeG, que atribuíu a estes resultados os "ataques" do PP ao CIS.

"MENTIRAS" DE FEIJÓO

"A pesar de todas as mentiras que Feijóo está a contar, un día sobre o AVE, outro día sobre a política industrial, outro día sobre o financiamento autonómico, os galegos non lle compran as mentiras continuas", apuntou.

Así mesmo, aínda que apostou por ser "cautos" ata que os votos "estean nas urnas", Gonzalo Caballero avogou por "pedir unha mobilización masiva para que o 10 de novembro España e Galicia sigan progresando con Pedro Sánchez" fronte á "opción de risco e retroceso que implica Casado e Abascal".

E é que, na súa opinión, a Galicia "vaille ben cun goberno de progreso, de avance social" que, entre outras cuestións, aposta pola industria galega e traballa para "incorporar as Pontes a unha transición ecolóxica xusta". "Un goberno que toma decisións que benefician aos cidadáns do común en Galicia", indicou.

En fronte, advertiu de que a operación de coalición do PP con Ciudadanos e Vox "é un risco" para os avances logrados. "Galicia quere progreso e non retroceso, por iso tomamos con cautela as enquisas pero cremos que son un impulso para convencer que se o 10N hai unha mobilización masiva, o resultado electoral impedirá o avance das dereitas", resolveu.

GALICIA EN COMÚN

O candidato ao Congreso pola provincia da Coruña de En Común-Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, asegurou este martes que o barómetro do CIS demostra que Galicia en Común --confluencia de Podemos e Esquerda Unida na Comunidade-- "está claramente consolidado" e que "está en disposición de mobilizar todo o voto de esquerda" para conseguir o segundo deputado na Coruña e Pontevedra o próximo 10 de novembro.

E é que, segundo a macroenquisa do CIS, Galicia en Común mantería o escano que ocupa Yolanda Díaz por Pontevedra e mesmo podería alcanzar un máis que o de Antón Gómez-Reino pola Coruña, cun total de ata tres representantes.

A preguntas dos xornalistas nun acto na lonxa da Coruña, a cabeza de lista comentou que o 28 de abril quedaron "preto de ter unha segunda deputada" tanto na Coruña como en Pontevedra, xa que están "en disposición de mobilizar todo o voto de esquerda para que entren Loreto Taibo, na Coruña, e Ángela Rodriguez, en Pontevedra".

"Somos a única forza política que ten a posibilidade de romper o bipartidismo en provincias como Lugo e Ourense", destacou Gómez-Reino, quen chama á mobilización do voto a aquela ciudadania "que quere un goberno de esquerdas". "Un Goberno de esquerdas e con Galicia no centro", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta