Temas: FRASEOLOXíA

“Rompedeiro de cabeza”, equivalente ó castelán “quebradero de cabeza”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/11/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Para denominar aquilo que constitúe un motivo de desasosego, perturbación, inquedanza ou preocupación no ánimo ou no espírito, así como tamén para se referir a aquilo cuxa resolución –ou intento de resolución– supón un esforzo mental ou intelectual realmente considerable e arduo, en castelán adóitase usar a locución quebradero de cabeza. En galego dispomos dunha locución moi semellante: rompedeiro de cabeza, que polo de agora non se recolle no Dicionario da Real Academia Galega.

Cabeza castrexa atopada no castro de Santa Tegra, na Guarda
Cabeza castrexa atopada no castro de Santa Tegra, na Guarda | Fonte: Antonio Lomba

Quebradero de cabeza

{= 1. Motivo de desasosego, perturbación, inquedanza ou preocupación no ánimo ou no espírito. 2. Cuestión cuxa resolución, ou intento de resolución, supón un esforzo intelectual ou mental tan grande e intenso que provoca ansiedade, angustia, nerviosismo, preocupación, congoxa ou sentimentos semellantes.}

Rompedeiro de cabeza

Ex. (1): La hija mayor es una bendita persona, pero la menor lo único que les ha dado es quebraderos de cabeza.

A filla máis vella é unha bendita persoa, pero a máis nova o único que lles deu foi rompedeiros de cabeza.

Ex. (2): Yo, sin duda, formo parte de ese grupo de gente para la cual las cuestiones de tipo burocrático le suponen continuos quebraderos de cabeza.

Eu, sen dúbida, forma parte dese grupo de xente para cal as cuestións de tipo burocrático lle supoñen continuos rompedeiros de cabeza.

Ex. (3): Cuando llegó a cuarto de la ESO intentar resolver los problemas de matemáticas le suponía un quebradero de cabeza interminable.

Cando chegou a cuarto da ESO intentar resolver os problemas de matemáticas supúñalle un rompedeiro de cabeza interminable.

● Tamén, para a primeira acepción, e máis ou menos axeitadas en función dos contextos:

Disgusto && Preocupación && Amargor && Amargura && Pena && Pesadumbre && Pesar && Tristeza && Aflicción && Desconsuelo

Desgusto && Preocupación && Amargor && Amargura && Pena && Mágoa && Pesadume && Pesar && Tristeza && Tristura && Aflición && Desconsolo

NOTA:

A expresión galega está tirada das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta