O polígono ourensán de San Cibrao ampliará a súa superfice en máis de 400.000 metros cadrados en 2021

Para que a ampliación sexa unha realidade deberán reunirse, en primeiro lugar, o Consello de Administración do Parque Tecnolóxico e dar o seu visto e prace.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia prevé ampliar para o ano 2021 a superficie do Polígono de San Cibrao grazas á segregación de 421.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico de Galicia situado nas súas proximidades.

Así o trasladou este mércores o presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da reunión mantida coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao. Deste xeito, para que a ampliación do Polígono sexa unha realidade deberán reunirse, en primeiro lugar, o Consello de Administración do Parque Tecnolóxico e dar o seu visto e prace.

Neste punto, Feijóo mostrouse optimista coa posibilidade de que o proxecto --"de vital importancia"-- para Ourense se leve a cabo, dado que a Xunta de Galicia é a entidade con maior participación no Consello Administrativo do Parque Tecnolóxico. Así mesmo, o presidente da Xunta de Galicia aludiu a que "se sondou de maneira previa a opinión do resto de socios e todo parece indicar que o proxecto contará co seu apoio".

XA ESTÁ NOS ORZAMENTOS

Neste contexto, Feijóo tamén explicou que a Xunta de Galicia "xa contempla unha partida específica para tal fin nos seus próximos orzamentos" e que "hai 80.000 m2 xa urbanizados do total de 421.000 m2 que serán transvasados".

Por outra banda, o presidente da Xunta de Galicia tamén deu conta doutras demandas en materia industrial como son o avance das obras de conexión entre o Polígono e a autovía A-52 nas que se espera, segundo as súas palabras, " cumprir os prazos, ao estar xa executadas ao 60%".

Entre as "determinacións" do Goberno autonómico tamén están "rebaixar nun 50% o prezo do chan" e, no caso daqueles empresarios que opten por adquirir dereitos reais sobre a superficie "situar o seu prezo nun euro por metro cadrado ao ano".

O presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, nun acto da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao.
O presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, nun acto da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta