Evacuada unha muller con síntomas de intoxicación debido a un incendio na súa vivenda en Valdoviño

Seis vechículos resultan calcinados nun taller de Pontecesures.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Unha muller foi evacuada a un centro hospitalario na madrugada deste venres ao sufrir unha intoxicación por inhalar fume dun lume declarado na súa vivenda no municipio de Valdoviño (A Coruña).

Segundo informou o 112 Galicia, os feitos tiveron lugar ás 6,00 horas no lugar de Malde, no concello coruñés de Valdoviño. Foi unha persoa particular a que contactou co servizo de emerxencias para solicitar axuda para unha veciña da localidade que resultou afectada polo "intenso fume", sinalan as mesmas fontes, provocado por un incendio orixinado nun colchón dentro do seu domicilio.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ferrol, dos membros do GES de Mugardos e tamén dos axentes da Garda Civil.

Finalmente, o incendio foi sufocado sen a necesidade de que chegasen a intervir os servizos de extinción e a muller puido ser trasladada en ambulancia ata o centro hospitalario.

VEHÍCULOS QUEIMADOS

Por outra banda, un lume nun taller mecánico afectou a seis vehículos e calcinou por completo a dous deles no concello pontevedrés de Pontecesures, sen causar danos persoais.

Os feitos sucederon sobre as 2,30 horas deste venres cando o 112 Galicia recibiu o aviso dun incendio no lugar de Redondo. Tras ser avisados, os Bombeiros do Salnés e membros do GES de Valga acudiron ao lugar e puideron controlar as chamas. Co fin de aclarar as circunstancias do suceso, tamén foron informados os axentes da Garda Civil.

Lume
Lume | Fonte: Duvi

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta