Vostedes dirán

Escoitando hai poucos días a intervención do Presidente de Uruguai José Mujica, no cumio de Río, un tiña a sensación que a política pode ser realmente servizo público, e non unha pseudo profesión, na que os máis mediocres sobreviven a base de indignidades existenciais e ambicións por riba das propias capacidades.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 02/07/2012

Comparte esta noticia

Dicía este home sabio, que “o home xa non goberna hoxe, senón que hoxe goberna o que desatou o home”. Efectivamente, nunha sociedade na que os valores e a ética desapareceron, as políticas foxen do seu cometido de axudar ás persoas, e instálanse no despropósito de servir aos mercados. Unha sociedade disposta a ser submisa co capitalismo máis rancio e perigoso, que vende a súa alma ao diaño e compite entre ela por instalar casinos en zonas áridas, que pervertan as formas de vida máis susceptibles de cometer determinados erros vitais. A presidenta da comunidade madrileña, Esperanza Aguirre, azoute de infieis non neoliberais, e garante da desaparición do Estado das Autonomías, móstrase disposta incluso a eliminar leis de protección da saúde, como a chamada “lei antitabaco”, con tal de asegurar unha vil inversión, que non fai máis que abrir as portas do averno. É curioso que dende os mesmos sectores que se defende a suposta liberdade co tabaquismo, ao mesmo tempo se defenda o dereito á vida…

Claro que, se damos a impresión de que todo vale, entón a lóxica política sabe que o cidadán está disposto a tragar con calquera cuestión por bastarda que sexa, e actúa sen contemplacións dende os altares da suposta democracia prostituídos para a ocasión. Neste país é posible dicir durante unha campaña electoral que se está “radicalmente contra o copago sanitario”, e despois calar mentres o aplican de xeito vergonzante; neste país é posible negar subidas do IVE, e posteriormente estudar a súa subida co conseguinte prexuízo para as clases máis favorecidas, por non falar do incremento exponencial das tarifas da luz, ou a carga sobre os traballadores públicos e os seus salarios de xeito reiterado, como se a crise non fose culpa dos mesmos que llos quitan.

O actual sistema de partidos fracasou. Necesitamos unha rexeneración absoluta das formas de facer política que xa non representan nin PP, nin PSOE nin BNG. Esta terra merece unha nova xeración disposta a dicir a verdade, comprometida cos sectores públicos e sen medo a lexislar por temor a perder poltronas. Na man de todos vostedes está facelo.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.