Activos entre as sombras e afables nos encontros, percuten contra a luz da bombilla como bolboretas, picando contra ella como aquela primeira imaxe que lembraba o protagonista do “Tambor de Hoxalata”, co que nos fascinou Grass. É difícil ter credibilidade, cando sabes que os procesos que veñen “de abaixo a arriba”, en realidade nunca foron tales. Nin antes, nin agora... rupturistas si, mais a vaquiña da cadeira do poder polo que vale.
A tremenda ilusión que provocou a posibilidade dunha lista unitaria para representar a Galicia nas Cortes españolas, foi un soño efémero aniquilado por persoeiros obsesionados con rematar politicamente con forzas que non están pasando polo seu mellor momento, obviando os intereses deste país. Para este bimbios de miseria e falsidade, non merecía perder tanto tempo. Algúns levamos meses e meses advertindo que o Leviatán tiña decidido hai tempo o que agora denuncia. Non será por non insistir na existencia de medias verdades, nin de comportamentos hipócritas.
Os grandes afectados desta vergoñenta situación na que uns acordan por arriba, o que todos sufrimos por abaixo, son os cidadáns galegos que crían que nesta oportunidade, a xenerosidade confluía coa necesidade, e por fin poderíamos todos facer un esforzo común para que Galicia estivese representada por homes e mulleres á marxe de intereses partidistas, co único obxectivo de mirar polos intereses desta bendita terra. Cheiran a sangue os depredadores, e pretenden rematar coa vítima coa que tanto tempo conviviron. Así é a política da Galicia do século XXI, na que a ausencia de bos e xenerosos, fai que as portas do averno estean abertas de par en par para que Virxilio leve a Dante, e alí saiba que rematou o nacionalismo, e que agora so interesa o rupturismo submiso e centralista, na busca da aritmética da cadeira remunerada.
A unidade non foi posible, porque dende o primeiro momento o obxectivo so foi acabar co BNG, e claro... comigo para esa indecencia, que non conten. Non vaia a ser que o veleno anti galeguista que emana das decisións das cúpulas “rupturistas”, faga dano nos miolos dos que so temos como prioridade os intereses desta terra.
Ou non?