Un rogo desesperado

A cidadanía galega sempre se caracterizou pola bipolarización entre aqueles que contemplan o devir dos tempos, como se os males fosen intrínsecos á nosa condición de galegos, e por aqueles de actitude combativa dende unha trincheira da que non queren saír, acomodados nunha marxinalidade na que teñen un protagonismo absolutamente irrelevante.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 20/10/2015

Comparte esta noticia
O espectáculo que estamos a contemplar estes días entre aquelas formacións que falan de “fronte común”, contra o bipartidismo de sempre, provocan un evidente fastío na cidadanía, cansa de ver como uns e outros miramos para o noso embigo, mentres os responsables desas políticas inmundas que denunciamos, asisten á proxección da ópera bufa, sentados nun cine de barrio dos anos sesenta, no que as pipas de xirasol até carecen do sal.
 
As chamadas á concordia de falsos profetas da unidade, mentres establecen imposicións a modo de preacordos por detrás, son a esencia dunha non alternativa política, estigmatizada de raíz pola ambición desmedida de actores principais da política galega, que xa levan demasiado tempo exercendo de secundarios de “serie B” de supostos apóstolos antisistema, disfrazados de pastores dun pobo, ao que nunca conseguiron facer chegar á terra prometida. Fago un rogo desesperado para escoitar á cidadanía, e non aos ecos que retumban nas salas de reunións de persoeiros so dispostos a escoitarse a si mesmos. O pobo demanda unidade, por riba de leas eternas, e de fendas artificiais. 
 
É todo tan sinxelo como acordar, a un mes vista, principios básicos que todos podemos subscribir. Unha lista de unidade galega, na que se integren a diversidade de opcións políticas, cun so e claro obxectivo, que non pode ser outro que representar cun grupo parlamentario propio os intereses de Galicia, fronte aqueles que consideran que somos a periferia necesaria dun todo xacobino, mais formalmente prescindible. Non é o momento de debate entre dereitas e esquerdas, é o momento da defensa de Galicia, con rostro visible nas Cortes españolas, representando novas concepcións da política, dende a transversalidade vestida de ética exemplar, e a posta en valor dunha terra á que coa nosa actitude castigamos unha vez máis á secular marxinalidade.
 
Négome a ser cómplice desta desfeita nas ilusións de miles de galegos de ben que cremos que non se constrúe apostando por vetos aos que consideramos non puros, nin minusvalorando a aqueles que pola súa dimensión cuantitativa, os novos ricos da política galega, miran por riba dun ombreiro destinado a ter permanentes lesións, camiño de ser crónicas.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA