Que digan a verdade

Un goberno dun Estado coa soberanía cada día máis no poleiro das súas posibilidades, un autogoberno recortado polos incompetencia irresponsable de gobernos incapaces, e reguladores financeiros cómplices de buracos negros económicos que estrangulan a unha sociedade cansa de tanto despropósito.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 09/07/2012

Comparte esta noticia
O mínimo que un cidadán pode pedirlle a un goberno elixido democraticamente polo pobo, é que por dura que esta sexa, conte sempre a verdade. A Administración actual, comandada por Mariano Rajoy, recibiu unha herdanza envelenada, que agora subministra sen reparos polas veas dunha sociedade que non sae da UCI. Unha Administración, que procede dun contrato co pobo a modo de programa electoral e grandes proclamas ao longo da pel de touro, incumprido con reiteración, e ocultado con desvergoña. Altos responsables dese partido, insistiron durante a oposición en ataques contra o goberno de Zapatero, por tomar medidas mornas comparadas coas que estamos a sufrir nestes días. Un goberno que promete non subir os impostos, maniféstase claramente contra o copago e di non contemplar unha subida de IVE queda evidentemente desautorizado cando ás primeiras de cambio fai exactamente o contrario do que tan solemnemente prometeu.
 
A caste política necesita rexeneración nos seus estamentos e novación no seu concepto de ética. Valores como os que defenden persoas como Manolo Dios, enraizadas nas teses de Hessel, Burke, Mujica ou a propia líder birmana Aung San Su Kyi, son referencias necesarias para unha sociedade que cada vez máis precisa dunha radicalidade democrática moi afastada da realidade actual. Precisamos unha sociedade na que os nosos representantes sexan primeiro capaces de representarse a si mesmos, e na que a egolatría dos señores, deixe de imporse á submisión dos vasallos. Dende Bruxelas, chegan voces que con claridade denuncian que España carece dun “plan” e interlocutores que afirman que a  nosa sentencia existencial é provocada pola incompetencia dos mesmos que queren asumir un poder que non son capaces de xestionar. Dunha premisa tan básica como é dicir a verdade ao pobo ao que estás dando as costas, pode xurdir unha esperanza necesaria, que hoxe todos están a asasinar.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.