Conde ve "preocupante o cambio de criterio" do PSOE sobre Navantia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria critica que agora "xa non sexa necesario" ese buque de aprovisionamento loxístico para a Armada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que "é preocupante este cambio de criterio do Goberno, do Partido Socialista, xa que antes das eleccións necesitábase un buque de aprovisionamento loxístico (AOR) para a Armada, para dar carga de traballo a Navantia, e unha vez pasadas as eleccións, xa non é necesario". "Non nos parece razoable", sostén.

Estas manifestacións realizounas Conde nun hotel de Ferrol, onde acudiu á primeira hora da mañá deste venres para participar no encontro 'Venres Autónomos'.

"Navantia necesita carga de traballo, xa que houbo un atraso de dez meses na firma da orde de execución e, por tanto, as fragatas non iniciarán o seu proceso produtivo ata o ano 2022", avisa o conselleiro.

A este respecto, advirte de que "o máis preocupante vai ser o impacto que vai ter na industria auxiliar". "Por iso, desde a Xunta temos claro que o Goberno e Navantia teñen que dotar de carga de traballo ao estaleiro en Ferrol e chegar ao ano 2022 cunha industria auxiliar sólida, competitiva e que non se desmorone o sector naval en Ferrolterra", agrega.

O integrante do Goberno da Xunta explicou que "a industria auxiliar xa está a empezar a perder emprego". Neste sentido, "trátase de non perder competitividade para chegar a ese ano 2020 e Navantia poida ser competitiva no proxecto das fragatas F-110".

O conselleiro Francisco Conde nun acto en Ferrol.
O conselleiro Francisco Conde nun acto en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta