Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/11/2019 | Actualizada ás 09:25
O “relevo inmediato” do actual director xeral da CRTVG e a elección do seu sucesor no Parlamento por maioría de dous terzos, son algunhas da principais reclmacións dunha campaña activada por “Defende a Galega” na plataforma Change.org e que en pouco máis de tres días leva xa apañadas máis de 3.000 sinaturas.
Esta iniciativa tamén reclama a posta en marcha dun Consello de Informativos que ampare as traballadoras “ante as prácticas de manipulación que se dan no presente e se poidan dar no futuro”. Na explicación da mesma lémbrase que a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia aprobada en 2011 establece que o director xeral da CRTVG será elixido por maioría cualificada do Parlamento galego e que ostentará ese posto por un período de 5 anos.
“Pero Alfonso Sánchez Izquierdo leva no cargo desde 2009, o que supón un dobre incumprimento da norma”, destaca a campaña. Ademais, lembra que os obxectivos do ente público son “a obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa”. “Pero só hai que prender a tele ou a radio calquera día para comprobar que eses principios non se cumpren”, engade.
Os impulsores da campaña critican, ademais, a externalización de contidos “que é patente trala desaparición das delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña, á que hai que sumar a supresión das desconexións locais”. Por iso, insisten en chamar a apoiar esta campaña por “uns medios públicos ao servizo da cidadanía, que sexan espello da pluralidade do país, que exerzan de dinamizadores culturais e sociais, que informen, formen e entreteñan”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.