Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/07/2012 | Actualizada ás 16:45
Anova-Irmandade Nacionalista é o nome definitivo do que se dotou a Asemblea do Novo Proxecto Común para empregar de aquí en adiante. Culmina así o proceso comezado tras a última Asemblea Nacional do BNG para formar unha nova forza da esquerda nacionalista.
Na reunión do Pazo de Congresos de Santiago están a debater xa as emendas as bases ideolóxicas propostas. O regulamento do congreso pasou adiante co voto de 365 dos 402 sufraxios rexistrados.
Unha das persoas que xa interveu no debate é Xosé Manuel Beiras, voceiro do Encontro Irmandiño. Os irmandiños foron dos primeiros impulsores das asembleas de base comarcais que nestes meses discutiron como organizar a nova forza, e os seus principios.
Os reunidos debaten como dar luz a unha nova ferramenta política “perdurable, de carácter nacionalista, como expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma”.
Colectivo Nacionalista de Marín non participa
Non a elaboración das propostas a debate, pero si a da lista de consenso presentada dende as asembleas é o motivo alegado polo Colectivo Nacionalista de Marín para desmarcarse na recta final do proceso. Causa Galiza, plataforma na que traballa unha parte do soberanismo, tamén se descolgou onte alegando o suposto dirixismo irmandiño.
Coalición electoral con CxG?
Sobre a mesa do Pazo de Congresos tamén está a posibilidade de coaligarse electoramente con Compromiso por Galicia. En CxG artéllase parte dos escindidos do BNG máis próximos a socialdemocracia, como Máis Galiza, novas forzas galeguistas, como Acción Galega, e formacións inspiradas en parte polo indignados, como Ecogaleguistas.
Militantes das dúas correntes, NPC e CxG, rubricaron un manifesto no que apostan pola unión de cara a unhas eleccións galegas pode que inminentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.