Temas: FEGAMP

Alberto Varela, próximo presidente de Fegamp, defende "máis autonomía" para concellos e unha "repartición de fondos xusta"

Aspira a "humanizar" as localidades e a defender o rural "implicando a todas as administracións" para que exista oferta de servizos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2019 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

O próximo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), o socialista Alberto Varela, asegura que unha "maior autonomía" para os concellos e unha "repartición de fondos máis xusta" son os elementos que abandeiran o seu "compromiso co municipalismo".

O próximo presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), Alberto Varela
O próximo presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), Alberto Varela | Fonte: Europa Press

Será a partir do próximo 29 de novembro cando Varela se converta no máximo responsable desta Federación e comece a traballar en nome das 313 localidades galegas, catro deputacións e nove entidades locais que conforman este órgano.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, o primeiro edil arousán non dubidou en expor a súa posición respecto do labor que se lle encomenda, á vez que cre importante resaltar que "a liña" na que se traballará marcarase "entre todos" os concellos.

Desta maneira, Alberto Varela sucederá ao primeiro edil do Barco de Valdeorras (Ourense), Alfredo García, que despois de esgotar os seu catro anos de mandato na oitava lexislatura da Fegamp deixa paso ao recentemente revalidado alcalde de Vilagarcía de Arousa.

Respecto dos últimos anos de traballo, o próximo presidente subliñou "a gran dedicación" de García, pensa que abordar asuntos como "o financiamento local" ou a "transparencia" dos municipios —grandes prioridades da Fegamp— non se resolven "nun mandato nin en dous", pero asegura que "se deron pasos".

Ao seu xuízo tamén "se avanzou" en medidas de "dixitalización e innovación". Aínda así, "desde a Fegamp" reivindicaranse "ferramentas para a transparencia" e que todos "os concellos sexan do s.XXI", non só "as grandes cidades", que son as que "teñen máis vantaxes" á hora de modernizarse.

"MAIOR AUTONOMÍA"

Para el resulta esencial que os gobernos locais gocen de "maior autonomía" á hora de "decidir sobre o superávit ou sobre as necesidades do persoal" e "deixen de estar tutelados" por outras administracións. Ademais, considera que os municipios son "os máis cumpridores e eficaces" de todos os aparellos do Estado.

Con todo, a resposta das localidades está condicionada "ás partidas orzamentarias" que reciben do resto institucións. Desde o seu punto de vista é necesario que todas as administracións sexan "responsables", que "cada unha asuma as súas propias competencias" e que gastos que non corresponden ás alcaldías, como "o mantemento das infraestruturas ou dos colexios", "non se carguen" a estes órganos.

"REPARTICIÓN XUSTA DE FONDOS"

A atribución de "máis fondos" sería a solución para que se puidesen asumir esas "competencias" e, aínda que non asumiu o cargo na Fegamp, desde a súa experiencia como alcalde pode dicir que "o concello de Vilagarcía recibe máis financiamento do Estado que da propia Xunta".

Varela demanda ao Goberno galego "unha repartición xusta dos fondos" que se destinan aos municipios, "claridade e transparencia" neste sentido. "Non é unha repartición equitativa" para todos os concellos, afirma.

Aínda que "as directrices que se seguirán na Fegamp" a partir do 29 de novembro se marcarán na X Asemblea da Federación, "hai posicións moi claras por parte dos concellos e das deputacións".

ASUNTOS PENDENTES

Respecto das "espiñas cravadas" do mandato de Alfredo García, que segundo el mesmo confirmou son o pacto da auga coa Xunta e mellorar a situación das franxas contra incendios no rural, Varela apuntou a que "haberá que volver falar" sobre estes asuntos.

Sobre "o pacto da auga non hai un consenso" entre as administracións. Os concellos e as deputacións "non queren formar parte da sociedade mercantil que a Xunta quere impor". Os municipios "non poden estar de acordo en sufragar os custos e que a dirección" do servizo "lévea a Xunta".

En canto á franxa de protección contra incendios nas zonas rurais, o próximo presidente asegurou que "é un exemplo máis dos deberes impostos por parte do Goberno galego", pero que non dota "ás localidades de todas as capacidades para poder exercer" ese labor.

"ISTO É O QUE LEVO COMIGO ALÁ ONDE VAIA"

A partir do próximo mes, unha vez dea comezo a novena lexislatura da Fegamp, Alberto Varela empezará a defender os intereses de todas as localidades, "cada unha coas súas peculiaridades" e "un camiño percorrido".

Desde o seu punto de vista, os municipios rurais necesitan da "implicación" por parte das administracións" para "dotalos de servizos". "Se queremos que non haxa zonas despoboadas no noso territorio, temos que ofrecer a posibilidade de que a xente se poida quedar nel".

"A Administración ten que sentar a establecer posibilidades para que todos os cidadáns teñan servizos suficientes" para poder seguir vivindo onde sempre o fixeron.

Así mesmo, apunta a que hai que "avanzar cara a cidades máis humanizadas, que potencien os servizos sociais, solidarias e cara ao transporte colectivo". "Isto é o que levo comigo alá onde vaia", concluíu.

Temas: FEGAMP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta