Temas: XUNTA URBANISMO

As primeiras normas técnicas de ordenación urbanística de Galicia entrarán en vigor en maio de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

As primeiras normas técnicas de ordenación urbanística de Galicia, cuxo obxectivo é unificar os criterios técnicos que regularán a elaboración de toda a ordenación urbanística, entrarán en vigor en maior de 2020.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde na que se recolle que a entrada en vigor deste documento técnico será aos seis meses da súa publicación, tal e como explicou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nun comunicado.

Panorámica de Porto de Vigo
Panorámica de Porto de Vigo | Fonte: Miguel Núñez

O departamento autonómico indicou que estas normas son unha ferramenta coa que unificar a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xenerais, así como calquera outra cuestión que necesite aclaración ou orientación técnica nesta materia, ademais dos criterios técnicos para a elaboración dos documentos.

A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, redactou este documento que busca sentar unhas bases que fomenten a integración da información da ordenación nas infraestruturas dixitais de datos espaciais. Deste xeito, ofrécese a posibilidade de establecer un acceso sinxelo aos documentos.

Ademais, a consellería indicou que as normas técnicas son un instrumento que dá cumprimento á Lei do Chan de Galicia e que supón un paso máis na estratexia normativa de simplificación e normalización técnica das ferramentas de ordenación.

"OPORTUNIDADE"

Neste sentido, a Xunta lembrou que defende que a tramitación da ordenación debe de ser unha oportunidade, non un atranco para o desenvolvemento territorial, polo que as normas técnicas nacen da necesidade de facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento.

"En definitiva, representan unha oportunidade de mellora no proceso de formulación e aprobación dos documentos de ordenación, sempre na procura dunha maior transparencia e flexibilidade dos mesmos", indicou.

Temas: XUNTA URBANISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non sei de que falan pero cheira a manter outro chiringuito VIRTUAL no que a transparencia urbanista se alonxe cada día máis do común dos mortais (?) Pero non teño nin idea do que pretenden facer ? Habera que ler o DOG ???