A CIG reelixe a Paulo Carril como secretario xeral e aposta por un marco galego de relacións laborais

O IX Congreso da central sindical defendeu a soberanía da clase traballadora galega fronte á precariedade e a dependencia política e económica

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2025 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebrou este sábado en Santiago de Compostela o seu IX Congreso Confederal, unha cita que serviu para actualizar as liñas de acción sindical e renovar os órganos directivos da central. O evento desenvolveuse baixo o lema "A Forza dá Nosa Clase. Traballo. Dereitos. Soberanía", e culminou coa relección de Paulo Carril como secretario xeral, apoiado por 508 votos, fronte a 30 en branco e 3 nulos.

IX Congreso da CIG
IX Congreso da CIG | Fonte: CIG

Durante a xornada tamén se aprobou o relatorio de Acción Sindical, con 427 votos a favor, e o de Organización, con 378, documentos que marcarán a folla de ruta da organización nos próximos catro anos. Así mesmo, foron elixidas a nova Executiva Confederal e a Comisión de Garantías, que recibiron un amplo respaldo dos congresistas.

O PAPEL DA CIG COMO PRIMEIRA FORZA SINDICAL

No discurso de clausura, Carril fixo fincapé en que a CIG se consolida como primeira forza sindical en Galicia, con máis do 31 % de representación e un rexistro histórico de máis de 86.000 persoas afiliadas. "Estes datos demostran que a clase traballadora galega é quen de organizarse de maneira soberana", afirmou, subliñando a independencia da central respecto a organizacións con sede fóra do país.

CRÍTICAS AO MODELO SOCIOECONOMÍCOS E CHAMADAS Á MOBILIZACIÓN

Carril aproveitou tamén para criticar o papel do Goberno galego, ao que cualificou como "complemento das políticas neoliberais do Estado", e a súa negativa a impulsar un concerto económico para Galicia. Denunciou, ademais, a privatización de servizos públicos, os efectos do espolio ambiental e os impactos sociais de proxectos como Altri ou a mina de Touro-O Pino.

A nivel estatal, rexeitou o aumento do gasto militar fronte ao deterioro dos servizos públicos e acusou o Estado español de actuar segundo os ditados de organismos internacionais como o FMI ou a UE. No ámbito internacional, cualificou os actuais conflitos como unha "ofensiva imperialista" liderada polos EUA, e denunciou **"o xenocidio do pobo palestino por Israel" co apoio europeo.

UN NOVO MODELO GALEGO DE NEGOCIACIÓN COLECTIVA

A CIG comprometeuse a intensificar os seus esforzos para construír un Marco Galego de Relacións Laborais, con competencias lexislativas propias e un sistema de negociación colectiva adaptado á realidade produtiva do país. O obxectivo, segundo explicou Carril, é combater a precariedade, impulsar o emprego digno, diversificar o tecido produtivo e frear o abandono demográfico e a desertización social.

Nunha crítica directa ao diálogo social estatal, liderado por CCOO e UXT, Carril advertiu que este modelo "enterrra os dereitos laborais" e tachou a reforma laboral de 2021 de "institucionalización da pobreza laboral".

UN SINDICATO PARA A TRANSFORMACIÓN SOCIAL

A modo de peche, Carril reivindicou a CIG como "ferramenta de transformación social", que traballa pola emancipación da clase traballadora galega e a soberanía nacional, e fixo un chamamento á mobilización social e laboral como eixo da acción sindical no novo ciclo que se abre tras este congreso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta