As adegas galegas reducen "drasticamente" beneficios en vendas a Estados Unidos pola "chantaxe" de aranceis

A Xunta reclama ao Estado unha posición "belixerante" en defensa dos produtores mentres solicita informes xurídicos sobre a afectación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2019 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

Adegas galegas, principalmente cooperativas de Rías Baixas, reducirán nesta campaña "drasticamente" as marxes de beneficios nas exportacións a Estados Unidos co fin de que a suba de aranceis do 25% non recaia nos consumidores americanos e "consolidar" así este mercado.

Vendima nas Rías Baixas
Vendima nas Rías Baixas | Fonte: Europa Press

O líder de Unións Agrarias, Roberto García, explica que cada ano existe un crecemento "exponencial" nas exportacións de viños brancos de Rías Baixas a Estados Unidos, un mercado "moi importante" para o cal os aranceis supoñen un "freo brutal".

Por iso, hai unha "clara estratexia de aguantar esta campaña", con "certa esperanza de que esta política do presidente estadounidense, Donald Trump, sexa conxuntural como meros mecanismos de chantaxe", como "pasou con China".

Así se manifestou despois de que este xoves o pleno do Parlamento europeo pedise un apoio maior e urxente para os agricultores que ven ameazados polo impacto dos aranceis que Estados Unidos impuxo ao sector europeo en resposta aos subsidios ilegais a Airbus por parte de países da UE, entre eles España.

Sobre este acordo da Eurocámara, o secretario xeral de Unións Agrarias valora que unha "posición conxunta é positiva, pero non deixan de ser declaracións de boas intencións".

"PROBLEMA GRAVE" SE SE MANTÉN NO TEMPO

Estes aranceis afectan en Galicia a exportación de viños, dado que o aceite producido é de consumo nacional, mentres as exportacións de lácteos a Estados Unidos son "nulas".

O obxectivo dos exportadores galegos é "reducir drasticamente as marxes de beneficios coa esperanza de que isto teña unha duración efémera", pois se busca que os consumidores "non vexan un incremento brutal que poida afastar ese consumo, tendo en conta que crear novos mercados leva tempo".

Con todo, Roberto García reflexiona sobre que "non deixa de ser unha mala noticia", "pero non fai cambalearse o mercado en Estados Unidos". "Iso si, de manterse no tempo estariamos ante un problema grave", avisa.

E é que "estes comportamentos teñen pouco que ver coa lóxica política e comercial", polo que ve difícil "pensar que vai imperar o sentido común".

POSICIÓN "BELIXERANTE"

Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural explicou que neste asunto "é importante trasladar unha postura unívoca por parte do Estado español", dado que existe unha posición común coas comunidades de que esta problemática "non debería recaer sobre o sector agroalimentario", "porque non é causante da guerra comercial".

A este respecto, xa trasladou ao Ministerio de Agricultura a necesidade de que España "fose especialmente belixerante no conxunto da UE para reverter esta situación".

Nesta liña, o Goberno galego solicitou un informe xurídico para saber exactamente a afectación que teñen nos viños galegos. "Estamos a revisar a lexislación estadounidense para comprobar se algúns dos nosos viños poden estar en partidas arancelarias diferentes das que gravan co 25%", indica.

Confía en que o feito de que os viños galegos sexan "de alta calidade" e estean "totalmente consolidados no mercado estadounidense" axude a "soportar mellor esta situación totalmente inxusta para os produtos agrarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta