O Goberno central presta ata 1.600 millóns a Navantia para fabricar unhas fragatas que xerarán 7.000 empregos

O proxecto contribuirá con 590 millóns de euros anuais ao PIB de España

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/11/2019 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo subscribiu un convenio cos estaleiros Navantia para un programa de desenvolvemento de fragatas F110, consistente nun préstamo dun máximo de 1.638 millóns de euros e cuxo proceso de elaboración terá un impacto de aproximadamente 7.000 empregos durante 10 anos.

Entrada do estaleiro Navantia en Ferrol.
Entrada do estaleiro Navantia en Ferrol. | Fonte: Europa Press.

Así o autorizou este venres o Consello de Ministros, defendendo que o proxecto permitirá levar a cabo a dixitalización de Navantia a través do programa Estaleiro 4.0 e contribuirá a situar a esta empresa como "líder mundial" no mercado de fragatas, dando así continuidade á aposta tecnolóxica e industrial de España neste segmento.

A subscrición deste convenio garante a adquisición de cinco fragatas F110 por parte do Ministerio de Defensa a Navantia, empresa que o Goberno elixiu "polas súas capacidades e experiencia na construción de buques militares de alta tecnoloxía".

A través desta serie de préstamos por un importe máximo de 1.638 millóns de euros en sete anos, o proxecto supón unha contribución ao PIB español de 590 millóns de euros anuais e un impacto de aproximadamente 7.000 empregos, garantindo carga de traballo para Navantia durante este período.

As fragatas incorporarán unha tecnoloxía "punteira" nos seguintes ámbitos: ensaios hidrodinámicos do buque para diminuír o consumo e reducir a detectabilidade, motorización híbrida con motor eléctrico e turbina de gas, sistema integrado de información a bordo (incluíndo o mantemento do buque), integración do sistema de combate, ciberseguridade, mastro integrado con sistemas VHF, radar, guerra electrónica, comunicacións ou navegación, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta