Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/07/2012 | Actualizada ás 16:51
"Unha marea humana a favor de rescatar os dereitos do pobo galego e non os dos banqueiros, a prol dunha Galiza soberana e contra as saudades neofranquistas do PP", así define o Bloque Nacionalista Galego a marcha polo Día da Patria Galega que acaba de rematar en Santiago. Asistiron "máis de 20.000 persoas" segundo a fronte; o que implicaría bater as marcas previas da tradicional marcha nacionalista.
O Bloque informa que Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, estaba a presentar o acto político na Quintana cando miles de persoas aínda se achaban atuídos na Praza de Galiza.
Unha inxección de optimismo para a fronte, tocada na súa imaxe pública tras as escisións do Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras e Máis Galiza de Xoán Bascuas. Os actos políticos das novas forzas nacidas ao fío da ruptura do Bloque (Anova Irmandade Nacionalista e Compromiso por Galicia) convocaron a unhas mil persoas cada un, segundo cálculos da Cadena Ser.
A nivel de discurso político, o Bloque chamou á "insumisión contra a política de recortes practicada polos gobernos do Partido Popular, quer o estatal quer o galego".
O BNG renovou o formato do acto da Quintana. Non só tomaron a palabra os dirixentes do BNG -neste caso, o portavoz nacional e o candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera, respectivamente-, senón que tamén o fixeron 9 persoas en representación do que Iria Aboi cualificou como "a Galiza real". É dicir, mozos parados, afectados polas preferentes, labregos, traballadores do ensino e da sanidade.
Interviron, por esta orde, Isabel, traballadora de Mafeco, unha empresa afectada por un ERE; César, comerciante; Manuela Catoira, presidenta da Xunta de Persoal Docente de Coruña; Luciano, membro da plataforma de afectados/as do Morrazo; Elvira Lombao, presidenta da federación de ANPAS de Lugo e membro da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público; Carme Aira, responsabel de CIG saúde e membro da Plataforma SOS Lugo; Pilar Bispo, labrega convencida da viabilidade do noso agro; Miguel Fernández, membro da Plataforma en defensa dos Servizos Sociais; e Lucía Vecino, estudante da USC.
Guillerme Vázquez, o voceiro nacional, foi moi contundente na súa intervención, coa que clausurou o acto. "Ou nos plantamos ante a Unión Europea, ante os especuladores e estes gobernos, ou haberá novos recortazos", alertou, "e serán máis cedo que tarde". Foi alén diso e advertiu que Rajoy xa prepara "unha nova baixada das pensións", un novo ataque contra os sectores sociais máis vulnerábeis.
O dirixente nacionalista non deixou títere con cabez: "Merkel dirixe co mando a distancia. Rajoy fai obediente os deberes. O Monarca chega de cazar elefantes e ´pide sacrificios´. Á gran patronal non lle faledes de pagar impostos, quere máis recortes. E a xerarquía católica, esa nin quere pagar impostos nin renunciar as xenerosas axudas públicas!!", pormenorizou, nunha relación que foi varias veces interrompida por aplausos. Tampouco esqueceu a Rubalcaba, de quen dixo que aínda está "decindido que quer ser de maior".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.