Eduardo S. Maragoto: "Feijóo parécenos un político aberto á lusofonía pero debe ser máis decidido coa lei Paz Andrade"

O lingüísta Eduardo S. Maragoto (Cariño), foi reelixido como presidente da Associaçom Galega da Lingua (AGAL). A necesidade de entrar no ámbito da Lusofonía, a apertura ao diálogo desde a AGAL con todos os sectores culturais e políticos galegos, son dous dos puntos que defende Maragoto. Sobre as posturas dos partidos políticos, ve posibilidades de máis diálogo aínda que é consciente da reticencia dalgúns sectores no mundo da política.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/12/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Unha segunda presidencia en AGAL pode reforzar ou dar unha segunda oportunidade para levar adiante os obxectivos que non se puideron materializar durante a primeira. Cales son os obxectivos que buscas cumprir agora e cales son os novos que quere afrontar AGAL?
No Consello da AGAL temos moi claro que o noso traballo non dará os seus froitos a curto prazo, pero os que recollerá a longo prazo serán moi importantes para o idioma. Sabemos cal é a dirección correcta para chegar aí e no comezo deste segundo mandato estamos reforzándoa. Xusto o sábado pasado tivemos unha asemblea en Ponte Vedra e deliberamos de novo a favor dunha política lingüística binormativista para Galiza e tamén sobre a importancia de que todo o mundo, reintegracionistas ou autonomistas, acepten o dereito dos demais a escribir como vexan oportuno. Este sería un paso interesante para fomentar unha colaboración máis estreita entre todos os sectores. O galego precisa urxentemente desta colaboración. Temos tamén obxectivos máis concretos, pero decidimos que é máis interesante ilos marcando ano a ano, e non para cada mandato. En 2020 centrarémonos no ano Carvalho Calero. Despois de 2020 marcaremos outros obxectivos que terán que ter en conta como a sociedade ollou para o Carvalho Calero reintegracionista.

Eduardo Maragoto (dereita) con Isaac Estraviz
Eduardo Maragoto (dereita) con Isaac Estraviz | Fonte: AGAL

-A grande satisfacción deste ano foi que o Día das Letras Galegas 2020 se dedica á figura de Ricardo Carvalho Calero. Á parte dos literarios, cales son os outros elementos relacionados con Carvalho que deberan ser resaltados tanto desde a lingüística como desde a creación cultural?
Carvalho ten importancia en calquera ámbito das letras, polo que calquera pode aproveitar a súa obra. Para a literatura deixou boa narrativa, boa poesía e bo teatro. No plano político, a súa historia daría para unha incrible biografía. Galeguista desde moi novo, líder estudantil, membro do Seminario de Estudos Galegos e redactor do noso primeiro borrador de Estatuto. Coa guerra, loitou coa República ata o final e despois tivo que sufrir a prisión e a primeira etapa do ostracismo. A pesar destas circunstancias, concibiu algúns dos proxectos máis importantes para o futuro do galego como a primeira novela en galego despois da guerra, a primeira gramática e a primeira historia da literatura realizadas cos criterios científicos que hoxe aplicamos. Tamén foi o redactor de todas as normas linguísticas da RAG dende o final da guerra ata os anos 80. A partir do ano 1975, el e outros intelectuais comezan a argumentar que o galego debe adoptar a ortografía portuguesa ou outra similar. Carvalho chegou a esta conclusión despois de moitos anos de estudo da lingua, polo que o seu criterio foi unha verdadeira revolución na universidade. Seis anos despois naceu AGAL e o movemento reintegracionista moderno.

Todo o mundo, reintegracionistas ou autonomistas, deberan aceptar o dereito dos demais a escribir como vexan oportuno

-Desde AGAL, que actos ou iniciativas desenvolveredes en relación a esta conmemoración de cara a explicar o ideario de Carvalho Calero e as súas teses lingüísticas?
Se agora teño que explicalas todas, seguro que esquecerei moitas. O que máis nos interesa é conseguir que opinen sobre o seu ideario persoas que normalmente non o fan, a favor ou en contra, iso é o de menos, porque o importante é que isto propicie un diálogo en profundidade e para iso é necesario que todas as posturas se expresen. Despois, ademais do que supoño que xa se espera, como a publicación de libros, un deles vai ser unha banda deseñada explicando a figura de Carvalho para adolescentes, unidades didácticas e documentais sobre a figura homenaxeada, vai haber outras actividades máis interactivas que estarán accesibles na páxina web en construción carvalho2020.gal, como a lectura continuada do Scórpio durante 14 horas o día 16 de maio nun teatro compostelán. Este será un evento moi emotivo ao que acudirán centos de persoas. Tamén teremos un concurso para musicar poemas de Carvalho ou outro concurso literario para rapaces de secundaria que consistirá en aumentar un capítulo ao Scórpio.

Carvalho Calero concibiu algúns dos proxectos máis importantes para o futuro do galego como a primeira novela en galego despois da guerra

-Este recoñecemento a Carvalho Calero é tamén un impulso á denominada lei Paz Andrade?
A longo prazo sen dúbida. Nós notamos que pouco a pouco toda a cultura galega vai cara á Lusofonía. Carvalho e a Lei que mencionas son dous bos exemplos disto.

-Existe receptividade para o ensino do portugués dentro da comunidade educativa?
Si, especialmente dentro do profesorado de galego, por vocación e formación. Este é o sector profesional máis implicado co portugués na educación, pero a demanda está crecendo de xeito significativo tamén entre o alumnado. Onde se ensina o portugués hai grupos moi numerosos.

-Como é a relación que mantedes cos diferentes grupos políticos, tanto os de dentro como os de fóra do Parlamento? Cales son os máis receptivos e os que menos?
Todos os grupos políticos son cada vez máis receptivos ás nosas propostas. Obviamente, hai grupos que poden ter máis reflexión sobre política lingüística que outros, pero todos os partidos que actualmente teñen representación no Parlamento entenden que é vital para a lingua e para a cidadanía galega dar pasos cara á Lusofonía.

-Coñecedes cal é o posicionamento de Feijóo de cara aos vosos postulados?
É un político aberto ao que nós defendemos. Chega con botar unha ollada a algunhas entrevistas que andan polas redes. Gustaríanos poder felicitalo por iso, só que aínda necesitamos ver políticas máis decididas en aplicación da Lei Paz Andrade.

-Desde a perspectiva da AGAL, os sectores historicamente contrarios ao galego están cedendo espazos a novas posibilidades como o propio reitegracionismo ou a aprendizaxe do portugués?
Creo que na sociedade galega non hai sectores abertamente contrarios ao galego, ou polo menos eu non os coñezo. Pode que haxa xente desinteresada pola súa defensa ou que lle daría un estatuto legal aínda máis modesto que o que ten, pero estou seguro de que esas persoas tamén queren que o galego teña o seu lugar na Galiza do futuro. Por iso creo que estes sectores aos que te refires están cada vez máis abertos a fortalecer os vínculos do galego coa Lusofonía. Este é o mellor xeito de garantir que a supervivencia da lingua repercuta tamén no benestar individual das persoas. Algúns dirán pero iso non nos debe importar, é a nosa lingua e non precisamos que sexa útil para defendela. Non nos importa a nós, a ti ou a min, pero a moita outra xente impórtalle e debemos telo en conta.

Todos os partidos que actualmente teñen representación no Parlamento entenden que é vital para a lingua e para a cidadanía galega dar pasos cara á Lusofonía.

-En que momento están as relacións AGAL-ILGA-RAG?
As tres entidades falan con certa regularidade sobre o estado da lingua. Pero é que de feito nós tentamos ter contactos con todos os organismos culturais galegos. Nada do outro mundo, é o que espero que fagan outros organismos científicos, sindicatos ou docentes. Agora ben, sería interesante que todos estes diálogos puidesen dar lugar a reflexións conxuntas e públicas sobre o estado da lingua galega e como guiar a súa normalización.

-Sendo moito máis pragmáticos, cales son as vantaxes da adopción do  portugués como lingua de ensino e a aplicación da Lei Paz Andrade para a empresa?
As vantaxes son inmensas. Nas relacións económicas hai moita lingua e cultura, porque compartir o idioma crea complicidades comerciais. Neste sentido, nós xa estamos no mercado hispano, só que dando certos pasiños lingüísticos, tamén poderiamos ser moi competitivos na Lusofonía. Son dous grandes mercados aos nosos pés, lingüisticamente falando.

-Enténdese en Portugal o contexto lingüístico que vive Galicia?
En xeral, aínda non. Non porque sexa Portugal ou Galiza. En calquera territorio onde se fale unha lingua que coincida coa do estado, é moi difícil comprender as situacións de bilingüismo noutros territorios. Pero todo se andará, porque nas redes sociais podes ver que aumentan notablemente as persoas portuguesas e brasileiras interesadas no galego, e mesmo hai importantes lingüistas portugueses que xa reflexionan sobre o tema en varios libros.

-Segue a ser tabú do Miño para abaixo dicir que o idioma que falan naceu en Galicia?
Non diría tabú, nin sequera descoñecemento. O que pasa é que o nacemento dos idiomas na Península Ibérica está desenfocado non só para o portugués, en Portugal, senón para todas as linguas ibéricas. En xeral, a maioría das persoas sitúan o nacemento das linguas na Reconquista da Baixa Idade Media. Pero as linguas ibéricas comezan a desenvolverse moito antes. No caso do galego-portugués, non foi co reino de Portugal do século XII, senón co reino suevo do século V, entre o río Texo e o Cantábrico. Eu confío en que pouco a pouco isto vaise estudar cada vez máis así.

Nas redes sociais podes ver que aumentan as persoas portuguesas e brasileiras interesadas no galego así como autores portugueses que reflexionan co tema

-Vedes factible a aplicación do binormativismo en Galicia cando nin a normativa oficial se reflicte en toda a súa extensión legal e mesmo esa normativa está deturpada en diferentes administracións?
O binormativismo é unha política lingüística pensada para aproveitar en favor da lingua as dúas posturas normativas existentes en Galiza, tendo en conta que ambas poden ter vantaxes de cara ao futuro. Coexistirían dous modelos gráficos para representar o galego, o que actualmente se imparte nas escolas e que prioriza a identidade da lingua, e o outro compartido coa Lusofonía que prioriza a utilidade da lingua. Os usos correspondentes a ambos os modelos poderían ser debatidos e seguramente serían asimétricos en principio, pero os dous deberían ter algún recoñecemento legal. Non só é posible aplicalo, é desexable. Sería bo para o galego, porque non pecharía ningunha porta ao futuro, nin a defensa da lingua local nin as vantaxes de ser unha lingua internacional, e sería bo para a xente, que tería máis oportunidades laborais. E todo isto só aplicando pequenas reformas, practicamente sería suficiente con desenvolver plenamente a Lei Paz Andrade.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 17 comentarios

8 uu1

Eu tornei-me reintegracionista depois de uma estadia no Brasil onde parafraseando a Castelao “Vi a nossa língua em liberdade”. E os brasileiros diziam-me “você fala muito bem o português” falando o meu galego, e “os portugueses não sabem falar português, a gente (nós) não entende aos portugueses”, e ainda mais, “nós estudamos que o português teve sua origem na Galiza”. Bi normativa para aproveitar todos os contidos disponíveis nas outras variedades da nossa língua, e sim, os livros de Game of Thones estão disponíveis em uma variedade da nossa língua, assim como todos os filmes de Star Wars por exemplo.

7 uu1

Concordo totalmente com a bi normativa. Sobre a relação entre o galego e português só temos que escuitar aos ilustrados Feijóo: “o idioma Lusitano, e o Galego são um mesmo”, Sarmiento: “a língua portuguesa pura não é outra que a extensão da galega”, ao primeiro presidente da Academia Galega, Murguia “o galego e o português são um mesmo na origem, gramática e vocabulário. Por que não aceitar a ortografia portuguesa? Si nos foi comum em outros tempos, por que não ha de selo de novo?”, Castelao “O galego é um idioma extenso e útil, porque —com pequenas variantes— fala-se no Brasil, em Portugal e nas colônias portuguesas”, Carvalho Calero “se nós nos consideramos como proprietários de uma língua de âmbito regional, reduzido ... o porvir é sombrizo”. Bi normativa para aproveitar todos os contidos disponíveis nas outras variedades da nossa língua.

6 Currelos

Non sei en que mundo vive Maragoto. O Frijol ODIA o galego e todo o que representa. O seu mandato fixo máis por rematar co galego ca Franco e Fraga xuntos. Portugal? Pasan de nós absolutamente. Eu son partidario de modificar a normativa e achegala máis ó portugués pero nunca adoptar o de Lisboa. O galego "internacional" é útil pra mercar libros e películas pero... ir traballar a Mozambique ou ó Brasil??? Nen de vacacións!

1 Tudo bem

O problema do repunte fascista é que moitos galegos aparentemente concienciados sodes potenciais votantes e disciplinados espalladores do discurso de Vox: fondo ódio racial, crenza nunha pureza de identidade esencialista (galega ou española, tanto ten), pretendida superioridade moral e material, fronteira mental que pretenden facer física, travestismo histórico como 'Franco non era tan malo'... A ruindade está dentro. Escupe o mal ou perderás a oportunidade de entender o mundo que che tocou vivir.

5 Galegiña

Eu apoio a moción, a moita xente cambiaríalle o modo de ver se escoitara falar a seus bisavós, e en zonas moi diversas e fechadas da Galiza, así que hai que rexeitar o a premisa de que só se falara (moi) semellante ao Português en zonas mais preto de Portugal.

4 anonimo

Eso de que ca normativa portuguesa os galegos ían ter " mais oportunidades laboirais", simplemente, é un conto chino. Para traballar ou exportar a Brasil non fai falta para nada o portugués. E para ir de vacacións a Cabo Verde, ou ir a tomar o bacalao a Valença ( os que vaian ), tampouco. E, a verdade, non creo que moirta xente vaia a Angola e Mozambique.