O regreso á agricultura: a aposta dunha nova xeración fronte ás diversas crises

O desemprego e a necesidade de xerar novas dinámicas de vida máis ecolóxicas e sostibles impulsan cada vez a máis persoas a voltar ás aldeas e atopar o futuro nelas. Estas son catro historias das que decidiron regresar á terra.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Nos últimos tempos hai cada vez máis xente nova que ve na agricultura unha saída profesional viable. Ao longo do todo o país andan nacendo proxectos innovadores que manteñen as raíces na terra e que revalorizan e dignifican o traballo agrícola galego. Moitas das persoas impulsoras sufriran ese corte xeracional co campo e coa horta, pero regresan ás aldeas para rehabitar espazos, recuperar saberes e buscar novos modelos de consumo.

No patio da escola xestionan unha horta ecolóxica
No patio da escola xestionan unha horta ecolóxica | Fonte: Cedida

As diversas crises do noso mundo impulsan, en certa medida, este cambio de tendencia. O desemprego e a precariedade, e tamén a necesidade de xerar dinámicas de vida máis ecolóxicas e sostibles, afastadas das industrias contaminantes, empuxan a unha nova xeración a apostar pola agricultura a pequena escala, cuns valores ben asentados e cunha estratexia de consumo local. Responden a esa demanda crecente de produtos labregos e ecolóxicos.

Segundo explica David González, agricultor e director de campogalego.com, empeza a renacer unha imaxe do rural non só como lugar para vivir senón tamén como fonte de emprego, sobre todo no sector agrario e gandeiro. Con todo, advirte de que esta nova onda non dá compensado á xente que se está xubilando. Calcula que por cada dez baixas por xubilación se incorporan dúas ou tres persoas, "como moito!". Trátase dun reto ao que debe facerse fronte axiña, xa que resulta moi complexo revertir a situación daquelas terras que, logo de que o seu dono xubila, son forestadas por eucaliptos.

David González bota en falta unha intervención decidida da administración para favorecer o relevo no rural. "A lei do mercado fai que se tire cara ao máis fácil: seguir os anuncios de Ence". Apela á formación, á divulgación e a poñer os ollos noutros países como Francia. Dela pódense coller ideas, conta. A súa política ten activado un banco de terras a un prezo accesible e alquila a xente moza explotacións que quedan sen dono. "Con iso xa se conseguiría moito".

Dos novos proxectos que agroman da terra, di que son "loables e necesarios". Xavi e Maitane, María Jose, Paula, e Miguel e María Xosé son xente emprendedora que decidiron apostar por este camiño, por vivir do rural. Eis estas catro historias das que regresaron á terra. 

Traballando na horta
Traballando na horta | Fonte: Uxía Iglesias

XAVI E MAITANE: GUIADOS POLOS CALENDARIOS DA AVOA

Xavi e Maitane veñen de botar a andar Chan D'Ouro, un novo proxecto baseado na agricultura ecolóxica e de acordo co ritmo da natureza. Os dous se atopaban nunha situación de desemprego e albiscaron que había unha demanda de produtos de consumo local non satisfeita na contorna de Compostela. Por iso, decidiron asentar no barrio de Guadalupe (en Vite) e cultivar unha horta para fornecer de produtos a cidade. 

"Queremos traballar como traballaban as nosas avoas, tendo en conta o contacto coa natureza, a lúa e os planetas. Queremos entender a terra para que o produto logre a súa capacidade máis alta", contan ilusionados. Maitane é educadora social e os dous traballaron na hostalaría na última tempada. Agora, aos seus 23 anos, apostan por este novo negocio que cavilaron paseniño e onde o respecto polos tempos da natureza e a terra son os piares sobre os que funciona. "Non vai ser unha produción capitalista, senón lenta. No inverno tocará comer acelgas e quizais na primavera teremos produtos máis interesantes", explican.

Xavi e Maitane teñen a idea de crear socios aos que vender catro cestolas de produtos ao mes por 50 euros. Polo de agora, a horta na que comezaron a traballar ten capacidade para abastecer ao redor de vinte familias. Nela plantarán todo tipo de produtos de tempada, plantas aromáticas e frutais. Din que a clave está na valentía de botarse a andar, e neste camiño, os saberes tradicionais que recuperaron das avoas son fundamentais.

MARÍA JOSÉ: "TARDEI EN DARME CONTA, PERO ISTO É O MEU"

María José Pardo vive en Xanceda (Mesía) entre plantas e animais. Ela é agricultora ecolóxica dende hai cinco anos e agricultora artesanal das galiñas de Mós dende hai tres. Conta que chegada a crise, volveu para a casa onde se criara para buscar naquel espazo o seu futuro. "Atendía a hortiña, gustábame, e vía que nós non dabamos comido todo o que nos daba a terra... Púxenme a pensar e así xurdiu a idea". Horta O Corral, leva por nome.

A ela sempre lle gustou traballar na terra e coidar dos animais. "É o meu. Tardei en darme conta, pero é o meu". Hai anos, cando rematou os estudos obrigatorios, María José decidiu estudar empresariais en Lugo. Daquelas non se lle pasaba pola cabeza quedar na aldea e vivir dela. "Non se vía como unha posibilidade montar unha hortiña e vender os teus produtos", di. Hoxe, no medio dos seus animais é como máis agusto se atopa.

Con todo, os comezos non foron fáciles, e para ela menos: nestes anos non recibiu axuda económica ningunha por ser muller emprendedora. "Primeiro perdes moito", aclara. María José reivindica que "teñen que visibilizar o noso traballo, teñen que axudarnos, hai moitas oportunidades, pero non se lles dá dende a política o valor que teñen".

Non quere crear un grande negocio, di, senón vivir dignamente do seu traballo. "Eu quero un negocio pequeno, sei que hai que traballar moitas horas, pero quero vender no meu mercadiño, é o meu produto e estou orgullosa del". Ata o de agora, andou probando diferentes maneiras de distribución: en tendas, a particulares... Mais a día de hoxe, chegou á conclusión de que o que mellor lle funciona é a venda directa. Tratar con tendas obrigábaa a ter unha produción moi grande e estable, "pero o meu traballo é moi manual, os métodos que uso son os de antes, os de toda a vida, e isto é moito choio e moitos cartos. Decidín plantar menos e quitar un pouquiño máis".

MARÍA XOSÉ E MIGUEL: TRABALLAR O AGRO CON ANIMAIS

María Xosé Castro e Miguel Morales tamén decidiron apostar por un rural vivo. Ela sempre estivo apegada á terra, pero Miguel é un exemplo máis dos que volveron ao campo logo dese corte xeracional coa aldea. "Cando nos coñecemos, mercamos unha casa e comezamos a traballar na horta e na apicultura. Pouco a pouco fixémonos profesionais e isto é ao que nos dedicamos", contan. Así é como xorde este proxecto situado en Allariz e que leva por nome Mimá.

Xa van seis anos daquel momento en que emprenderon esta andaina, e polo camiño tomaron decisións importantes. Unha delas foi a de apostar pola tracción animal no canto dos tractores. Queren rachar con esa idea que asocia o traballo cos animais cunha volta ao pasado: "Hai que aproveitar cousas que si que se facían antes, reformulalas e facer algo moderno a partir delas", relata Miguel. 

A boa acollida de Mimá dálles azos para continuar. "Non podemos competir coa industria alimentaria, pero hai xente que quere produto galego e ecolóxico, algo fresco, que saiba de onde procede e de confianza, e para iso estamos nós", din con orgullo. 

PAULA PATIÑO: DA HORTA ÁS CONSERVAS

Ela é Acastrexa. Paula Patiño conta entre risas que non lle quedaba outra ao emprender o seu negocio nos Campóns (Cambre), un lugar que linda con dous castros. Logo de traballar como chocolateira e de montar xunto con outra socia o seu propio negocio, Meigamoura, Paula pensou, alá por novembro do 2015, en crear un obradoiro artesán de conservas vexetais e animais de seu. "Vin unha oportunidade de riqueza neste mundo. Aquí nas mariñas coruñesas temos moi bo produto autóctono, pero está pouco difundido. O tomate negro de Santiago, o Corazón de Boi, a leituga de Feáns... non se coñecen no mercado".

Daquela, Paula decidiu plantar a súa horta e experimentar con aquilo que ía medrando da terra. Os resultados son ben variados: marmeladas, zumes, conservas, froitas deshidratadas, batidos detox... e ata bebida vexetal de castañas! Non pecha portas a nada. O dela é crear, sen límites, nin xefes, nin rutinas. "Eu son dona do meu tempo e da miña vida: podo producir sandía salgada se me apetece, ninguén me vai dicir que non o faga. O conto é vendela!".

Ás veces, decide engadir anacos de poemas nas caixas que monta cos seus produtos. Adoita ter pedidos de fóra do país, e tamén hai quen vén de fóra para facer unha parada na tenda de Paula: "Teño un cliente xaponés que merca marmelada de mandarina todos os veráns". Di que o negocio sempre pide investir nel, aumentar... mais tampouco quere chegar a ter unha superprodución. "Os meus produtos perderían calidade e identidade".

A horta de Acastrexa vai evolucionando e innovando: primeiro foi ecolóxica, logo biodinámica e agora sintrópica - unha nova técnica que aposta pola non intervención humana -. Utiliza un sistema reticular de cultivos asociativos onde mantén as malas herbas como potencial do que se benefician as súas colleitas. Di ser "coma unha pulga, saltando de aquí para alá", facendo camiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta