O PP xustifica ter rexeitado as emendas aos orzamentos: "É un debate complicado"

Só cedeu en catro emendas presentadas polo resto de forzas, que acusan aos populares de aplicar "o rodete parlamentario"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2019 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

Os orzamentos da Xunta para o ano 2020 encaran a fase definitiva para a súa aprobación co pleno extraordinario que terá lugar na mañá do próximo martes, onde os populares empregarán a súa maioría para sacar adiante unhas contas que só presentan catro modificacións a proposta dos grupos da oposición.

Este martes tivo lugar a xunta de portavoces que configurou a orde do día da sesión plenaria de carácter ordinario que se celebrará unha vez conclúa a votación dos orzamentos da Xunta para o próximo ano. Nas roldas de prensa posteriores á reunión, os grupos da oposición afearon ao PPdeG que durante a tramitación parlamentaria das contas fixese "oídos xordos" ás demandas das forzas e empregase "o rodete" da súa maioría na Cámara para tombar a práctica totalidade das emendas presentadas.

Na súa quenda ante os medios, o portavoz dos populares no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, argumentou que o orzamentario é o debate onde "a confrontación política é máis evidente" e lembrou que nas contas de 2009, as últimas aprobadas polo goberno bipartito, "ningunha emenda" dos populares foi aceptada polos grupos que sostiñan ao executivo, PSdeG e BNG.

"Creo que estes anos últimos anos confirman que dentro dun debate complicado como é o orzamentario, porque é onde é máis fácil que non haxa acordo, sempre estivemos abertos a pactar e negociar", apuntou Puy, que engadiu que o seu grupo accedeu a modificar a proposta da oposición unha serie de cambios no funcionamento da Cámara orientados a aumentar os mecanismos de control ao goberno, como a comparecencia dos responsables dos entes instrumentais da Xunta ou que o teito de gasto deba pasar polo debate parlamentario.

"O importante é que Galicia vai ter un orzamento que entrará en funcionamento o 1 de xaneiro", subliñou o portavoz popular, que teorizou con que "cuestións que en condicións normais non son noticia" como, ao seu xuízo, é que unha institución teña novas contas a comezo do exercicio "está a converterse en algo extraordinario".

CRÍTICAS DOS GRUPOS

Pola súa banda, os grupos da oposición --PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea-- volveron criticar o "rodete parlamentario" dos populares, que tan só accederon a incluír catro emendas do resto de forzas --tres dos socialistas (unha delas de transacción) e outra dos 'comúns'--.

Para o socialista Luís Álvarez, as contas para o próximo ano "son dun triunfalismo inasumible que non se corresponde cos problemas de Galicia" e van na liña de "perpetuar as políticas inadecuadas da Xunta". "Sairán adiante, pero non solucionarán os problemas da comunidade", aseverou o deputado do PSdeG.

Antón Sánchez (Común da Esquerda) considera que o PP "usa o Parlamento como un trámite que ten que cumprir pero non confía no traballo que se fai aquí, onde está a representación da sociedade galega". Por iso, cre que "o rodete constante" que, di, aplican os populares "deixa sen voz nin decisión á metade da cidadanía galega".

A nacionalista Olalla Rodil lamentou que o PPdeG refugase todas as emendas presentadas polo BNG "facendo oídos xordos á demanda dos colectivos e organizacións que estaban plasmadas nas propostas do Bloque". "Apostan por seguir insistindo nos mesmos erros que nos levaron a este decenio negro", apostilou.

Por último, o portavoz do En Marea, Luís Villares, criticou o "inmobilismo" dos populares, á vez que puxo o foco en que as emendas presentadas querían reverter "a baixada de impostos aos ricos" para que estas cantidades fosen investidas en políticas sociais. "Estamos fartos de que se regale o diñeiro aos ricos", incidiu.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta.. XUNTA
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta