Temas: PSDEG

Os socialistas galegos crean un laboratorio de ideas para unha Galicia "emprendedora, innovadora e progresista"

O 'Idea Galicia Lab' inaugurado polo PSdeG abordará temas como o declive demográfico, a dixitalización, a transición ecolóxica e a vertebración territorial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2019 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia encara os retos que supoñen a construción dun proxecto que responda a unha Galicia "emprendedora, innovadora e progresista" coas miras postas nas eleccións autonómicas de 2020. Para facelo, este sábado os socialistas galegos inauguraron a 'Idea Galicia Lab', un laboratorio de ideas que xorde para debater, reflexionar e decidir cal é a aposta do partido para Galicia e, ao mesmo tempo, establecer unha alianza progresista tamén coa sociedade civil.

Inauguración do Laboratorio de Ideas do PSdeG en Santiago. PSDEG
Inauguración do Laboratorio de Ideas do PSdeG en Santiago. PSDEG | Fonte: Europa Press

Na inauguración participaron ex presidentes do Goberno galego como Fernando González Laxe ou Emilio Pérez Touriño; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera.

Entre as principais preocupacións e reflexións dos primeiros protagonistas, púxose sobre a mesa o declive demográfico, a dixitalización que precisa o país para ser máis eficiente e competente, a transición ecolóxica —sobre todo en termos de descarbonización do sector industrial— e a vertebración territorial, que fomente as cidades e impulse o medio rural.

Para o secretario xeral, estes son o catro retos que debe afrontar unha Galicia que os socialistas queren debuxar dentro do marco do progreso, o emprendemento e a innovación. Esta visión tamén a compartiron ambos os expresidentes autonómicos e o primeiro edil santiagués.

VOCES POLÍTICAS

Desde a capital galega, Sánchez Bugallo puxo a vista nas xeracións futuras, na necesidade de asegurar o seu futuro e "ofrecer oportunidades" para conseguir retelas no territorio. Neste caso, o PsdeG debe situarse como o "partido da ilusión e a confianza" para eles, cun "proxecto sólido e claro".

Esta idea pasa tamén pola "lealdade" ao país, engadiu González Laxe. Para iso hai que "traballar duro" por un "discurso harmonizado" e un "único programa de partido". Da mesma maneira, considerou que é necesario "combater aos adversarios sen complexos, sen medos", con argumentos e recuperando os "valores de compromiso, esforzo e responsabilidade" que "Feijóo e o PP tentaron debilitar".

Emilio Pérez Touriño, pola súa banda, decidiu botar a vista atrás para tomar exemplo no futuro. Lembrou como Galicia entrou no século XXI e o crecemento que experimentou para exemplificar que pode volver retomar esa tendencia.

Para el, a creación de emprego estable e de calidade, así como a protección da Constitución de 1978, que asegura a "redistribución" orzamentaria e a solidariedade territorial, son cuestións fundamentais para o "benestar e a cohesión social".

RETO AMBIENTAL

Por outra banda, Isabel Pardo de Vera abordou a situación ambiental de Europa e, en consecuencia, tamén galega. A xuízo da presidenta de Adif, a infraestrutura ferroviaria xoga un "papel clave" neste reto.

Destacou as "claras vantaxes competitivas que ten Galicia en canto á súa natureza" e as "tremendas vantaxes" coas que conta o sistema ferroviario para a cidadanía.

Considérase "optimista" co futuro que se aveciña e asegura que "a Administración autonómica ten que axudar a puír os localismos para garantir a mobilidade", un "dereito fundamental" que asegura a "igualdade" na sociedade.

Sinala que a súa entidade "se mostra moi proactiva" para que esta mobilidade chegue a Galicia "moi pronto". Cre que se debe "observar a Comunidade desde o interior", evitar os "pensamentos interesados" e enfocarse en crear unha "rede hiperconectada" que xa está "ás portas da conexión con Madrid".

Este feito impulsaría a sustentabilidade coa "mellor rede de infraestruturas de Europa", aínda que recoñece que é "a menos utilizada" porque non se fixo "atractiva". Por iso propón"democratizar o servizo, encher a infraestrutura de trens e dar servizo ao viaxeiro" facilitando a "mobilidade".

Temas: PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Brutus

Eiqui unha idea.que aprendan a vivir de algo e non do conto ou de oarasitaren a sociedade.algun destes traballou na sua vida en algo?