Un accidente entre tres coches en Catoira deixa catro feridos, un deles grave

Non se teme pola vida do máis grave.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Un aparatoso accidente múltiple en Catoira (Pontevedra), no que se viron implicados tres vehículos, un deles con remolque, saldouse con tres persoas feridas leves e outra de gravidade que necesitaron ser trasladadas ao Hospital do Salnés de Vilagarcía de Arousa.

Ambulancia do 061.
Ambulancia do 061.

Segundo informa o 112 Galicia, a colisión tivo lugar ao redor das 9,30 horas da mañá deste domingo. Nese momento, a central recibiu unha chamada solicitando axuda para os ocupantes dos vehículos sinistrados na PO-548.

Seguidamente, o 112 puxo a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias-061, os bombeiros de Vilagarcía, o GES de Valga e Protección Civil. Unha vez no lugar, os servizos de emerxencia tiveron que usar material de excarceración para liberar a unha das vítimas.

Tal e como indican fontes do 061, o ferido máis grave, aínda que non se teme pola súa vida, é un mozo de 26 anos que foi trasladado inconsciente en ambulancia ao Hospital do Salnés. Máis tarde, foi derivado ao Hospital Clínico de Santiago, onde permanece ingresado.

Ademais, resultaron afectadas outras tres persoas con carácter máis leve que tamén foron levadas ao Hospital do Salnés. Delas, unha presentaba fracturas costais, aínda que non parecían de especial gravidade, asegura o 061.

Así mesmo, co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e do servizo de mantemento de estradas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta