Pero sublíñese a nosa pobreza de espírito como forza maior detrás desta desfeita, que xa non a capacidade de inducir destrucción e ruína que aínda poida ter Rusia. A Suecia non é quen de desestabilizala, por pór un exemplo. Os traficantes da infamia e da calumnia, coma os traficantes de drogas e contrabando, cébanse da avaricia duns, debilidade de outros, e da permisividade de todos. Somos, en conclusión, una sociedade deixada, case suicida, que atrae a depredadores e carnazais, top mantas e okupas; ou sexa, o retrete de Europa. E como xa todos sabemos para que son os retretes, pois iso.
É tan connatural a un estadista o altruísmo e sacrificio persoal coma os carnazais lles son ao oportunista. O oportunista é un ser abxecto, insidioso e ruín. E por desgraza para todos nós, é a forza dominante da política actual, okupada por oportunistas cínicos e mediocres; algúns deles, mesmo, xa plenamente reconciliados coa posibilidade de incorrer na traizón para realizar as súas ambicións. E neste xogo de oportunismo seguiremos ata que haxa unha reforma da Constitución que faga das eleccións o gran momento solemne e definidor que está chamado a ser en toda democracia. E nós seguiremos no escaravellar na conciencia –e na comenencia– á procura de estragar o voto o menos posible. Para aqueles que nunca tiveron dúbida de que hai liñas que non se cruzan, valores indemnes chamados a nunca ser relativizados ou transgredidos, ante a deixamento do establishment, o desafío non é menor. E seguindo á procura de solución, convencidos que nos partidos do establishment cada día nos quedan máis afastadas, mesmo xa negadas, deambulamos de partido en partido aguantando os insultos e soberbias dos que nos traizoaron, empuxándonos a esa travesía. Non obstante, polo de agora, e só polo de agora, creo que o menos ruín aínda é que goberne un dos oportunistas do establishment mentres agardamos pola oportunidade de poder elixir entre estadistas. O deterioro ao que nos enfrontamos non é menor, abonde con ver a toma de posición de non poucos dos deputados, prometendo ou xurando a Constitución cunha displicencia, vulgaridade e descortesía absolutamente execrables. Pois claro que se pode obxectar a múltiples artigos da Constitución, ou a toda ela; por ende, defender e reclamar emendala. Mais nunca insultala. E non sendo iso sorpresa, vindo de quen ven, si é absolutamente desprezable o deixamento da presidenta do parlamento e mailo silencio cómplice dos partidos do establishment. É preocupante que teña que ser Vox quen se erga en defensa do Estado de Dereito; alarmante, que se presente como garante das formas e conducta que se espera nun deputado nu acto tan solemne como é a toma de posición. Esa displicencia e insultos á Constitución son indefectiblemente estendibles á esa maioría da cidadanía que en ela se identifica. E se iso non abondase para amosar un mínimo de respecto, daquela, esa maioría pode concluír que está plenamente lexitimada a responder de maneira equivalente –que o está–, e a buscar solucións tan contundentes como displicentes foron as súas Señoriás.
Consumada a exhumación e inhumación de Franco, amósaseme que as cousas se fixeron relativamente ben. Non tendo queixa diso; non obstante, quédame unha pequena preocupación que pouco ten que ver coa momia de Franco, coa súa familia ou con aqueles que lle teñan adoración. Aclárome: leo nos xornais que nalgún momento da exhumación (ou inhumación) alguén gritou un “Viva Franco” e que desde o Estado anunciaron que tiñan pensado –ao abeiro da lei de Memoria Histórica– tomar medidas contra o criminal ou criminais que tamaña ofensa cometeron. Ou sexa, nun Estado de Dereito, silenciar as voces que desagraden ou incomoden. Ímosche por bo camiño; de aí a Venezuela, a carreiriña dun can.